- Terá lugar o vindeiro martes, 20 de febreiro, a partir das 16 horas
- As solicitudes de admisión para o vindeiro curso poderán presentarse entre o 1 e o 20 de marzo
Valga, 16 de febreiro de 2018.
O Centro Rural Agrupado de Valga organiza para o vindeiro martes, 20 de febreiro, unha xornada de portas abertas dirixida principalmente a pais e co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e tamén o proxecto educativo que se desenvolve nas escolas unitarias de Campaña, Ferreirós, Vilarello, Xanza, Chenlo e Forno, nas que se imparte segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 5 anos).
Na xornada de portas abertas poden participar todos os pais que o desexen, tanto de Valga como doutras localidades, que serán recibidos ás 16 horas na sede do CRA, en Campaña. A continuación, entre as 16:30 e as 17:30 horas, realizarase unha visita ás seis escolas que integran o Centro Rural Agrupado e que contan, neste curso, cun total de 58 nenos matriculados, o que supón unha ratio media de 9 alumnos por escola. O prazo para presentar as solicitudes de admisión para o vindeiro curso 2018/2019 estará aberto entre o 1 e o 20 de marzo.
Coa mesma estructura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente familiar que facilita a adaptación dos nenos. O seu modelo metodolóxico baséase no traballo por proxectos e a coordinación entre os titores, os mestres especialistas e o persoal de apoio, con atención personalizada e individualizada do alumnado. Ademais, conta cun Departamento de Orientación cun especialista en Audición e Linguaxe.
As aulas mixtas favorecen a aprendizaxe e o traballo en equipo durante a xornada lectiva, que se desenvolve de 9 a 14 horas (xornada continua).
O proxecto educativo do CRA promove o emprego das novas tecnoloxías e inclúe, tamén, actividades complementarias e extraescolares, como excursións, festivais ou obradoiros de manualidades, contacontos e baile, entre outros. O centro mantén unha estreita colaboración coas familias, por exemplo, coa programación de actividades conxuntas coa ANPA Pequeval.