Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde propuxo aos grupos da oposición pactar un escrito para facerllo chegar aos responsables da entidade bancaria

- O goberno municipal rexeita “rotundamente” esta reducción de servizos para os veciños

AbancaPontevalga

Valga, 28 de abril de 2021.

O Pleno de Valga acordou onte pronunciarse en contra do próximo peche da oficina de Abanca en Pontevalga, que foi comunicada ao Concello nos últimos días.

A instancias do alcalde, José María Bello Maneiro, os tres grupos da Corporación municipal pactaron redactar un acordo consensuado opoñéndose ao peche da sucursal bancaria, para posteriormente “dar traslado do mesmo aos responsables de Abanca e, de ser necesario, manter unha xuntanza con eles” para tratar de evitar a desaparición desta oficina.

O rexedor explicou que o pasado xoves recibiu a dous representantes de Abanca e nese encontro anunciáronlle a decisión da entidade de pechar a sucursal emprazada na Avenida da Coruña. O goberno municipal “opoñémonos rotundamente a esta decisión” posto que suporá unha mingua de servizos para os veciños, obrigándoos a desprazarse para realizar trámites e xestións, o que afecta especialmente ás persoas maiores.

Tralo visto bo do Pleno á proposta, elaborarase un borrador do acordo para a súa posterior aprobación.

Na sesión ordinaria aprobáronse as actas dos dous últimos Plenos e deuse conta do Informe de Intervención sobre o plan orzamentario para os exercicios 2022-2024. Por último, o alcalde instou aos grupos da oposición a que nomeen a un portavoz para facer aportacións ás bases para a concesión de axudas aos sectores afectados pola pandemia.

Volver