- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde supervisaron esta actuación, orientada a incrementar a eficiencia e sostenibilidade dos máis de 3.000 metros cadrados do recinto
- A obra complementou a ampliación de vestiarios e aseos acometida polo Concello e dá cobertura axeitada ao polideportivo e o ximnasio ante o aumento de usuarios
Valga, 23 de abril de 2021.
A Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia vén de rematar as obras de modernización e renovación integral dos sistemas de climatización e ventilación do pavillón municipal de Beiro, emprazado na parroquia de Cordeiro, cun investimento de 40.000€ financiado ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.
Con motivo da conclusión dos traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Valga, José María Bello, achegáronse ata o recinto deportivo para supervisar esta actuación, orientada a incrementar a eficiencia e sostenibilidade dos máis de 3.000 metros cadrado destas instalacións.
“Seguimos apostando pola constante mellora dos servizos públicos dos concellos, xa que elo repercurte positivamente na calidade de vida dos cidadáns, e esta actuación en Valga era máis que necesaria para reforzar a confortabilidade do pavillón e de todas as súas áreas, xa que cada vez está a ser máis utilizado polos veciños”, sinalou o representante autonómico.
O pavillón deportivo de Beiro ten anexo, ademais, o ximnasio municipal que rexistra un ascendente número de usuarios e ademais vén de incrementar e modernizar o seu espazo de vestiarios e aseos ata os 335 metros cadrados cunha actuación realizada polo Concello.
Precisamente, a ampliación destas dependencias e a crecente presenza de deportistas motivou a necesidade de renovar a climatización e ventilación, que se acometeu coa instalación dunha bomba de calor aire-auga e de sistemas de recuperación de calor e renovación ambiental, así como das correspondentes canalizacións e caixas de aireación.
Ademais, durante a visita o delegado territorial e o alcalde estiveron na zona de pistas do pavillón para analizar a posibilidade de mellora do solo a través da Xunta de Galicia. Luis López comprometeuse a xestionar esta actuación para ver se ten encaixe e existe dispoñibilidade orzamentaria para a súa execución.