Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os seis equipos cos que conta Valga están distribuídos nos campos de fútbol de Baño e Campaña, nos dous pavillóns deportivos municipais e na sede do GES

- Refórzase, deste xeito, a capacidade de resposta ante posibles casos de parada cardiorrespiratoria

des2

Valga, 16 de febreiro de 2018.

O servizos de emerxencias do Concello de Valga contan cun novo desfibrilador que lles foi entregado esta semana polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nun acto que tivo lugar na Estrada e ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez e os responsables do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, Adrián Ferro, e da agrupación de voluntarios de Protección Civil, José Manuel Otero. Refórzase, deste xeito, a capacidade de resposta ante posibles casos de parada cardiorrespiratoria.

Con este son seis os desfibriladores cos que conta o Concello de Valga e que están distribuídos por puntos estratéxicos do municipio como instalacións deportivas ou lugares nos que adoita concentrarse un importante número de persoas: o campo de fútbol de Baño, as instalacións deportivas de Campaña ou os pavillóns de Baño e Beiro, dando servizo tamén nestes casos aos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo. Outros dous desfibriladores atópanse no Auditorio Municipal e na sede do GES.

No acto de entrega, o vicepresidente Alfonso Rueda fixo fincapé na “importancia da cooperación, colaboración e coordinación nun eido dan importante como as emerxencias, que redunda directamente na seguridade e no benestar dos cidadáns galegos”. Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade destacou que Galicia foi pioneira en España no desenvolvemento de estratexias de cardioprotección co uso de desfibriladores por persoal non médico.

Volver