- Arranxaranse as beirarrúas, as redes de augas pluviais e abastecemento e melloraranse o firme e a seguridade viaria
- A Axencia Galega de Infraestruturas financiará integramente as obras, que afectarán a un tramo de 800 metros
Valga, 15 de abril de 2021.
O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Valga para investir 531.498’30 euros na segunda fase de mellora da pavimentación e dotación de servizos na estrada PO-190, en Ferreirós (Cordeiro).
Con este proxecto remataranse as actuacións iniciadas en 2020 para solucionar as problemáticas que afectaban a este vial, tales como beirarrúas estreitas, pavimento deteriorado ou o mal estado da rede de augas pluviais e das tubaxes de abastecemento, entre outras.
A primeira fase executouse nos últimos meses e afectou a un tramo de aproximadamente medio quilómetro comprendido entre o cruce coa estrada de Vilagarcía e o Auditorio Municipal, cun orzamento de máis de 370.000 euros aportado pola Xunta. Agora prevese este novo investimento para completar as melloras entre os puntos quilométricos 0’470 e 1’290. As actuacións que se levarán a cabo nestes oitocentos metros inclúen:
- Arranxo e demolición de beirarrúas para a súa reconstrución, suprimindo barreiras arquitectónicas para favorecer a accesibilidade e facer máis seguro o tránsito de peóns.
- Renovación das redes de augas pluviais, abastecemento e alumeado.
- Soterramento da rede eléctrica e tramos da rede telefónica.
- Renovación na súa totalidade do pavimento da estrada.
- Nova sinalización horizontal e vertical.
A Xunta financiará integramente o proxecto a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o tramo da estrada arranxado pasará a ser de titularidade do Concello, que será o encargado de contratar a execución das obras.