- Nesta vía, na que se atopan o Museo da Historia, a Praza do Concello e o Centro de Interpretación da Caña, investíronse máis de 175.000 euros
- Executáronse traballos de pavimentación, apertura de novos accesos, saneamento e iluminación
Valga, 12 de abril de 2021.
A Rúa Baixa e os accesos ao Parque Irmáns Dios Mosquera e ao Centro de Interpretación da Caña do País ofrecen unha renovada imaxe tralas obras de urbanización executadas na zona durante os últimos meses. Os traballos, que están practicamente rematados, supuxeron un investimento de 175.085 euros que foron aportados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade, tralas xestións realizadas polo goberno municipal.
As actuacións que se levaron a cabo nesta zona foron deseñadas polo Concello e incluíron a pavimentación da rúa, a apertura de novos accesos, a mellora dos servizos de saneamento, recollida de augas e iluminación e o acondicionamento do edificio e do lavadoiro existentes ao final da vía.
O trazado da Rúa Baixa, que arranca dende a estrada N-550 nun entorno urbano e avanza ata desembocar nunha área natural, pavimentouse combinando formigón e granito do país. A pedra colocouse nas zonas máis nobres para poñer en valor os puntos salientables do percorrido, coma nos accesos ao Museo da Historia e á Praza do Concello. Tamén se levaron a cabo melloras no saneamento e na recollida de augas pluviais.
Para mellorar o acceso ao Centro de Interpretación da Caña habilitouse un camiño formado por pezas de formigón con formatos variables, e no exterior do edificio instalouse mobiliario urbano.
Tamén se actuou na edificación existente á entrada do Parque Irmáns Dios Mosquera, que foi revestida con entaboado vertical de madeira, buscando a súa mellor integración na paisaxe. O lavadoiro existente baixo esta construción foi sometido a unha intervención para a súa posta en valor. Este elemento tradicional atopábase constrinxido entre escaleiras, muros e volumes edificados, e liberouse mediante a demolición das escaleiras de acceso á edificación e outros elementos. Ademais, pavimentouse o entorno con lousas de granito e colocáronse bancos e luminarias para a valorización tanto da pía coma do espazo adxacente.
No seu entorno habilitouse un pequeno aparcadoiro executado con terra estabilizada que conta, ademais, cun novo acceso dende a estrada N-550 a través dunhas escaleiras que se construíron aproveitando o desnivel existente.
Por último, instalouse iluminación de alta eficiencia enerxética con lámpadas LED, que reducirá os custos de mantemento.
As obras foron executadas pola empresa Narom S.L.