Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As reunións celebraranse a partir do vindeiro martes na Casa da Cultura de Valga e nos locais sociais de Xanza e O Pino

- Dende a posta en marcha do Plan Revitaliza xa se levan distribuídos 780 composteiros individuais

RepartoComposteiro3

Valga, 9 de abril de 2021.

A Oficina de Compostaxe do Concello retomará a vindeira semana as xuntanzas con veciños para continuar co reparto dos composteiros individuais. Estas reunións foran suspendidas a finais do mes de febreiro por ser incompatibles coas medidas de prevención da Covid-19 ditadas polas autoridades sanitarias.

As charlas reanudaranse o vindeiro martes, día 13, e a elas están convocadas veciños da parroquia de Xanza, aínda que a primeira cita terá lugar na Casa da Cultura de Valga por dirixirse a residentes próximos a este local. As datas de celebración das reunións son as seguintes:

  • Martes, 13 de abril: Casa da Cultura de Valga
  • Xoves 15, martes 20, xoves 22 e martes 27: Centro Social de Xanza
  • Xoves, 29 de abril: Centro Social do Pino

As xuntanzas desenvolveranse entre as 10 e as 12 da mañá, sempre respectando os aforos e demais medidas sanitarias de prevención do coronavirus. As persoas que poden acudir a cada sesión están sendo citadas por correo postal.

Nas charlas explicaraselles en que consiste a compostaxe e faráselles entrega do composteiro e demais material auxiliar (aireador, termómetro e caldeiro para depositar os restos orgánicos). Se algunha das persoas convocadas non pode asistir á reunión, pode dirixirse á Oficina de Compostaxe do Concello para recoller o seu composteiro de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas.

Ademais,  lémbrase a todos os participantes no programa de compostaxe que aínda non dispoñan do cubo, que poden achegarse tamén polas oficinas municipal para que llo entreguen.

Dende a posta en marcha do Plan Revitaliza a finais de 2020, xa se teñen repartido arredor de 780 composteiros domésticos entre os veciños de Valga. Ademais, instaláronse tres centros de compostaxe comunitaria na rúa Doutor de Oya Salgueiro, no colexio de Baño e na Avenida da Coruña. Neste último, xa se atopa a disposición dos veciños unha nova remesa de compost.

Volver