- A concelleira Begoña Piñeiro participou na Asemblea Xeral, que se celebrou esta mañá de xeito telemático
- Esta entidade concentra os esforzos de máis dun cento de concellos e deputacións no eido da solidariedade internacional
Valga, 7 de abril de 2021.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Begoña Piñeiro, participou esta mañá de xeito telemático na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que aprobou unha aportación de 99.813 euros para catro proxectos de ONGD galegas na India, Nicaragua, El Salvador e Guatemala.
O Concello de Valga forma parte dende hai anos desta agrupación de concellos e deputacións. No encontro virtual, que se celebrou coincidindo co Día Mundial da Saúde, tamén se fixo balance dun 2020 marcado pola pandemia e aprobouse por unanimidade o Plan de Actividades para este ano.
En canto ás accións subvencionadas ás ONGD, o presidente do Fondo, Juan González, explicou que se apoiará con 25.000 euros a intervención da Fundación Vicente Ferrer para facer efectivo o dereito á vivenda e ao saneamento de 34 familias rurais no distrito indio de Kurnool. A mesma contía recibirá Amigos da Terra para fortalecer a capacidade produtiva e a participación en nove cooperativas pesqueiras nicaraguanas, co fin de mellorar a xestión pública no Departamento de Chinandega. De idéntico orzamento disporá Solidariedade Internacional de Galicia para mellorar a educación nas comunidades indíxenas Ch’orti’ de Guatemala, mentres que a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) obtén 24.813 euros para traballar con mulleres lideresas a prol da sustentabilidade ambiental en El Salvador.
Na xuntanza déuselle luz verde ao Plan de Actividades e ao orzamento para 2021, que contempla proxectos de cooperación directa en Mozambique e Guinea-Bissau e mais unha reserva de fondos para axuda humanitaria. A área de sensibilización inclúe, así mesmo, as actividades do proxecto europeo “People & Planet”, no que o Fondo Galego participa canda entidades doutros oito países para concienciar á mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático, amais de reforzar aos gobernos locais na promoción da sustentabilidade ambiental. Co fin de acadar estes obxectivos, os municipios acollerán actividades de comunicación de guerrilla, performance, debuxo urbano, cociña, etc.
Noutra orde de cousas, a Asemblea Xeral deulle a benvida ao Concello de Carral, que se convirte no socio 102 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, mentres que o novo alcalde de Moraña, José Cela, incorporouse á Comisión Executiva como voga. A orde do día incluía tamén a aprobación das instrucións de contratación da asociación e mais do proceso para solicitar a declaración de utilidade pública.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por máis dun cento de concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.