Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Once representantes do club participaron no campionato nacional, que tivo lugar en Leganés

- O Concello trasládalles a noraboa por este éxito e polo traballo que realizan no ámbito do deporte

COPAKARATE1

Valga, 6 de abril de 2021.

O Club Karate de Valga vén de vivir unha Semana Santa chea de éxitos da man dos deportistas que participaron na I Copa de España de Estilos de Karate, que se celebrou os primeiros días do mes na localidade madrileña de Leganés. O éxito dos karatekas valgueses quedou reflexado nas oito medallas que acadaron: catro de ouro, tres de prata e unha de bronce.

O club estivo representado por un total de once deportistas nesta primeira edición do campionato, organizado pola Federación Española e que deu cabida aos diferentes estilos de Karate que se practican en España. A expedición de Valga estivo encabezada pola presidenta do club, Lara Álvarez, e o mestre Serafín Pedrouso.

Os resultados foron sensacionais. Carmen Rodríguez (benxamín mixto), Ángel Rodríguez (infantil masculino), Lara Martínez (xuvenil mixto) e Serafín Pedrouso (veteranos masculino) proclamáronse campións de España. Javier Domínguez (sub21 masculino), Andrea Gestoso (sénior feminino) e Javier Reyes Rodríguez (veteranos masculino) lograron a medalla de prata e Ana Otero (sénior feminino) acadou o bronce. Ademais, Lorena Álvarez, Iria Varela e Lara Álvarez fixeron un gran papel ao quedar ás portas da loita polas medallas.

O Concello quere trasladar ao Club Karate Valga e aos seus deportistas a noraboa en representación de todos os veciños polo éxito nesta Copa de España e polo gran traballo que levan realizando dende hai anos no ámbito do deporte no noso municipio, máis se cabe nas circunstancias actuais de pandemia que supoñen unha dificultade engadida para a realización de actividades.

De feito, tamén as competicións están “bastante restrinxidas”, confirma o mestre do club, Serafín Pedrouso. Por iso, “cando se nos propuxo ir a esta Copa de España vimos que era unha opción atractiva e unha oportunidade para que os nosos deportistas saíran. Participamos conxuntamente co club Avalon Kai, de Santiago, a través do que estamos federados, e o grazas ao bo traballo dos rapaces conseguimos eses resultados”.

O profesor de artes marciais explica como se viviu dende o club o último ano, marcado pola Covid-19. “Temos a gran sorte de que adestramos no pavillón municipal de Beiro, que é enorme, e iso danos moita marxe” para poder desenvolver as sesións con seguridade. Desta maneira, “puidemos seguir traballando e só paramos cando así o ordenou a normativa”.

O Club Karate de Valga conta na actualidade con vinte licenzas. Adestran os venres e martes no pavillón de Beiro a partir das 19:30 horas. “Temos as portas abertas para todos, tanto nenos como adultos, que queiran probar este deporte, aprender as disciplinas das artes marciais e pasalo ben”, recalca Serafín Pedrouso.

COPAKARATE2 COPAKARATE3

COPAKARATE4 COPAKARATE5

COPAKARATE6 COPAKARATE7

Volver