Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A mostra está formada por unha quincena de cadros inspirados na natureza e a arquitectura

- O autor está influenciado por tendencias artísticas coma o cubismo ou a abstracción

Instantes1

Valga, 6 de abril de 2021.

O pintor Sebastián González Rodríguez é o protagonista da nova exposición que recibe o Auditorio Municipal, titulada “Instantes” e formada por unha quincena de obras influenciadas polo cubismo e que destacan polo seu colorido.

Non se trata dunha colección propiamente dita, senón que “son cadros non relacionados entre si, que vou pintando segundo o momento me inspire, de aí o título da mostra. Non son un conxunto, senón instantes diferentes”, explica o autor, natural de Pontevedra pero residente en Ponte Caldelas.

A obra de Sebastián González está influenciada polas tendencias artísticas da primeira parte do século XX, entre elas o xa mencionado cubismo, pero tamén o construtivismo ruso ou a abstracción. “Gústame utilizar cores primarias e adoito inspirarme na arquitectura e na natureza”, destaca o artista, que estudou Belas Artes en Granada e acumula máis de trinta anos de traxectoria na pintura.

“Gústame o mundo da creación en xeral e móvome en moitos campos”, explica. Realizou cursos de deseño e animación, é compositor e produtor musical de bandas sonoras e música pop, realizou unha curtametraxe e traballou no teatro, entre outras actividades.

Os cadros que expón no Auditorio están á venda. As persoas interesadas poden contactar co autor a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no Instagram @sebasgonrod.

Instantes2 Instantes3

ExpoInstantes

Volver