- Pode consultarse a través da Sede Electrónica do Concello durante un prazo de 20 días, a efectos de alegacións
- O documento establece as zonas nas que é obrigatorio xestionar a biomasa forestal para evitar a propagación de lumes
Valga, 5 de abril de 2021.
O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais sométese a información pública durante un prazo de vinte días hábiles despois de introducir unha modificación para reforzar a protección das vivendas que se atopan illadas.
O Boletín Oficial da provincia (BOP) publica hoxe o anuncio de exposición pública, polo que a partir de mañá as persoas interesadas poderán examinar o expediente a través da Sede Electrónica do Concello (https://valga.sedelectronica.gal) e presentar as reclamacións oportunas. Se transcorrido dito prazo non se presentaran alegacións, o plan aprobarase definitivamente.
Este documento, que xa fora ratificado en agosto de 2019 polo Pleno, foi elaborado pola empresa pública Seaga no marco dun convenio colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Fegamp e o Concello para a prevención de lumes forestais e a xestión da biomasa.
Incorpora unha análise territorial e xeográfica dos 40’6 quilómetros cadrados do termo municipal, atendendo especialmente ao seu medio natural: climatoloxía, edafoloxía, hidroloxía, flora, fauna e espazos naturais protexidos. Tamén inclúe unha análise do risco de incendios elaborada a partir dos datos da Consellería do Medio Rural sobre o período 2008-2017, no que se contabilizaron un total de 50 lumes con 18’78 hectáreas queimadas. En base a estes datos conclúese que o índice de risco potencial de incendio en Valga é alto.
O Plan Municipal establece as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa, formadas por un conxunto de parcelas estratexicamente localizadas que posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais. Así pois, o obxectivo é garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal nestas faixas mediante técnicas silvícolas axeitadas, co fin principal de reducir o risco de incendio e protexer ás persoas.
En base a este obxectivo, é obrigatorio por parte dos propietarios dos terreos xestionar a biomasa vexetal nos seguintes casos:
- Nas redes secundarias situadas nunha franxa de 50 metros arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
- Arredor das edificacións destinadas a persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.
- Arredor das edificacións illadas destinadas a persoas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte
No tocante ás redes terciarias de faixas de xestión de biomasa localizadas en terreos forestais e vinculadas a infraestruturas de uso público como camiños, vías, estradas de titularidade municipal, pistas forestais, faixas auxiliares de pista ou áreas cortalumes, é competencia do Concello adoptar as medidas de prevención de incendios que lle correspondan.