- O delegado da Xunta, Luis López, visitou esta mañá a zona e anunciou a exposición ao público do proxecto durante 30 días hábiles
- O alcalde e o responsable autonómico trataron tamén outros asuntos de interese para Valga
Valga, 30 de marzo de 2021.
O alcalde, José María Bello Maneiro, recibiu esta mañá ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que visitou Valga para anunciar un investimento de 800.000 euros por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na construción dunha senda peonil que conectará a estrada PO-548 e a zona do colexio, pavillón deportivo e igrexa de Cordeiro.
O rexedor e o delegado visitaron a zona pola que discorrerá a senda, que dará continuidade á beirarrúa existente na marxe esquerda da estrada PO-548 e que remata á altura aproximada do punto quilométrico 2’9. A partir deste punto o vial carece de espazos reservados para a circulación peonil ou ciclista, unha situación que se resolverá coa execución deste proxecto.
Dende a PO-548 a senda continuará por unha vía de titularidade municipal chegando á zona onde se localizan os equipamentos escolares e deportivos e, finalmente, tras pasar sobre a estrada autonómica mediante unha estrutura, alcanza a contorna da igrexa parroquial de Santa Columba.
A execución da senda fai necesario levar a cabo unha serie de actuacións complementarias coma a ampliación do paso existente sobre o río Louro, unha nova pasarela para cruzar sobre a PO-548 e a reordenación do tráfico na intersección situada no punto quilométrico 3’9 da estrada autonómica.
O proxecto atópase en trámite de información pública durante un prazo de 30 días hábiles contados a partir de mañá. Tamén pode consultarse relación de bens, dereitos e propietarios afectados pola obra. Os lugares nos que se pode consultar o documento son a Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago, o Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, as oficinas do Concello de Valga ou a través da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Luis López explicou que, tan pronto como remate e se resolva o prazo de información pública, comezarase co proceso de contratación para adxudicar a obra, que ten un tempo de execución estimado de seis meses. O alcalde resaltou a importancia da actuación para garantir a seguridade viaria e, especialmente, dos peóns nun entorno no que se concentran diversos servizos e instalacións públicas.
Durante a mañá o delegado e o alcalde tamén se achegaron ao Auditorio Municipal e ao pavillón deportivo de Beiro para tratar outros asuntos de interese para Valga.