- Os cambios afectan á regulación de usos, ás parcelacións e ao cómputo da edificabilidade
- Tamén se amplía a altura permitida das edificacións empresariais
Valga, 24 de marzo de 2021.
A Corporación municipal reuniuse onte á noite nun Pleno extraordinario cun único punto na orde do día: a Modificación Puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A modificación quedou aprobada provisionalmente só cos votos favorables do grupo de goberno. O expediente será remitido agora á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que será a que teña que acordar a aprobación definitiva.
Con este cambio no Plan Xeral, que está en vigor dende o ano 2010, preténdese resolver algunhas disfuncións e adaptar certas determinacións á actual lexislación urbanística. Estes aspectos afectan á regulación de usos, ás parcelacións, ao cómputo da edificabilidade e ás condicións de edificación establecidas na normativa.
En concreto modifícanse as ordenanzas do uso residencial así como das condicións xerais do uso residencial; establécese a dotación de prazas de estacionamento conforme á normativa en vigor; e mellórase a regulación da edificación-ordenanzas, simplificando o seu uso e interpretación, co fin de favorecer o desenvolvemento urbanístico no concello, tanto no solo urbano como no solo de núcleo rural.
Un dos puntos principais é a ampliación da altura máxima permitida nas edificacións, cuestión que afecta especialmente ás empresas, que coa actual redacción do PXOM se vían limitadas á hora de instalar elementos puntuais coma, por exemplo, tolvas ou almacéns intelixentes.
Nesta modificación tamén se aclara que a regulación dos equipamentos e espazos libres recollida apícase independentemente do tipo de solo no que se atopen; mellórase a regulación da parcelación, simplificando o seu uso e interpretación, co fin de non menoscabar os dereitos dos propietarios; establécense as condicións de compatibilidade entre o uso residencial e o uso terciario; e adáptase a regulación do solo rústico á lexislación en vigor.