- As escolas rurais de Valga contarán o vindeiro curso con 76 alumnos, dos cales 32 serán novos
- A centro acolle dende febreiro a unha estudante de maxisterio en prácticas da Rioxa
Valga, 23 de marzo de 2021.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, fixeron esta mañá un percorrido polas seis escolas que forman parte do Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga para comprobar algunhas das melloras levadas a cabo nos últimos meses.
Pintado de portas, reacondicionamento e pintado de aulas, mellora e incorporación de mobiliario ou arranxo de patios foron algunhas das actuacións executadas nas escolas rurais, gran parte realizadas polo propio profesorado coa colaboración das familias e financiadas, nalgúns casos, a través de programas da Consellería de Educación e, noutros, con materiais aportados polo Concello a través de iniciativas como Embelecer Valga.
“É gratificante ver o resultado destas actuacións e comprobar a implicación do persoal docente e das familias do alumnado para que as escolas rurais de Valga estean ao mellor nivel tanto educativo coma en infraestruturas”. Proba deste nivel é o aumento da matrícula que están experimentando as escolas de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Xanza e Chenlo nos últimos anos. Recén pechado o período de admisión de alumnado, o CRA de Valga contará o vindeiro curso con 32 alumnos novos, que sumados aos que continúan de anos anteriores farán un total de 76 alumnos. No curso actual o número de alumnos é de 59.
O proxecto educativo do CRA, baseado na proximidade e cunha ratio pequena de alumnos que permite unha ensinanza máis individualizada e de calidade, ten cada vez máis aceptación entre as familias de Valga e tamén doutros concellos da contorna. Na actualidade xa conta con nenos de Cuntis, Pontecesures ou Catoira e para o próximo curso incorporaranse alumnos de Teo e Caldas de Reis.
Coa mesma estrutura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente educativo familiar nun entorno natural próximo que facilita a adaptación dos nenos.
O equipo docente do CRA está formado por:
- 6 mestras titoras (unha por aula)
- 2 mestras de apoio á E.I. Prestan apoio ao alumnado na aula xunto coa titora.
- 1 mestra especialista en Inglés (2 h semanais en cada aula)
- 1 mestre especialista en Ed. músical (2h semanais en cada aula)
- 1 mestre especialista en Ed. Física (2h semanais en cada aula)
- 1 mestra de Relixión Católica
- 1 orientador
- 2 coidadoras para o alumnado con necesidades educativas especiais.
- 1 Auxiliar de Conversa nativa en lingua inglesa que acompaña na docencia á mestra especialista de inglés
- 1 mestra especialista en Audición e linguaxe para a atención do alumnado con necesidades que ademais realiza unha sesión semanal en cada aula para un programa da estimulación da linguaxe de todo o alumnado).
- 1 Mestra especialista en Pedagoxía terapéutica que atende ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que o require.
Ademais, o CRA foi seleccionado pola Fundación Princesa de Girona como un dos 23 centros educativos de toda España que acollen as prácticas de 30 estudantes de Grao a través do proxecto “Generación Docentes”, que pretende formar ao alumnado universitario en escolas do rural de referencia no ámbito educativo. Así, dende o pasado mes de febreiro o CRA incorporou ao seu persoal a unha mestra en prácticas da Rioxa.