- A obra executouse en dúas fases e foi subvencionada pola Vicepresidencia da Xunta
- “Estamos moi orgullosos deste edificio e da restauración que se levou a cabo grazas ás aportacións da Xunta”, dixo o alcalde
Valga, 18 de marzo de 2021.
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o Edificio de Usos Administrativos para comprobar o resultado das últimas obras financiadas pola Xunta de Galicia no inmoble: a instalación do sistema de climatización, que se executou en dúas fases e que conlevou un investimento de máis de 177.000 euros por parte da administración autonómica e do Concello.
Na primeira fase do proxecto instalouse unha bomba de calor aire-auga e varios “fancoils de cassette” de dous tubos nas distintas dependencias da planta baixa. Estes son uns dispositivos que van colocados no teito e que están formados por unha batería de intercambio de frío e calor e un ventilador. A segunda fase afectou ás plantas superiores, destinadas a biblioteca e arquivo. Colocáronse un recuperador de calor, “fancoils de cassette” de baixo consumo enerxético e os condutos de ventilación necesarios. Tamén se executou tabique de bloque cerámico de termoarxila para illar a sala de máquinas.
A directora xeral desprazouse a Valga xunto co novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López. Estiveron acompañados polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Malena Isorna e Pedro Calvo. Percorreron as distintas dependencias do Edificio Administrativo, no que xa prestan servizo a Policía Local, o Xulgado de Paz, a biblioteca municipal e Radio Valga, comprobaron algunhas das necesidades a actuacións pendentes para poder concluír a obra.
“Estamos moi orgullosos deste edificio e da restauración que se levou a cabo. Grazas ás aportacións da Xunta de Galicia isto é hoxe unha realidade, a pesar de que outras administracións coma a Deputación non aportasen nin un euro”, indicou o alcalde, que agradeceu á directora xeral tanto a visita como o apoio financeiro da Vicepresidencia da Xunta a esta e outras obras que nos últimos meses se executaron en Valga.
Natalia Prieto puxo ao Edificio de Usos Administrativos como exemplo de que “a colaboración entre administracións pode facer realidade proxectos coma este para mellorar os servizos que se prestan aos veciños”.
Unha vez rematada a visita ao edificio, a directora xeral achegouse tamén ao Museo da Historia para coñecer as súas instalacións e os fondos que se expoñen nel da man do técnico municipal Santiago Chenlo.