Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O vicepresidente da Xunta anunciou a concesión de 121.250 euros para poñer en marcha proxectos de promoción turística

- “Todo o que sexa promocionar Valga é positivo”, destaca o alcalde

MarSantiagoo1

Valga, 17 de marzo de 2021.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna, asistiron esta mañá en Vilanova de Arousa ao acto de sinatura dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Turismo da Xunta e os concellos de Valga, Pontecesures, Catoira e Vilanova para desenvolver iniciativas de promoción turística baixo a marca “Mar de Santiago”.

Prevese un investimento global de 151.250 euros, dos que 121.250 serán aportados pola Xunta de Galicia, tal e como anunciou esta mañá o vicepresidente, Alfonso Rueda. Os restantes 30.000 correrán a cargo dos catro concellos, que se constituíron en agrupación para poñer en marcha este proxecto. A intención é ter preparadas as accións culturais e turísticas para poñelas en marcha no momento en que a pandemia estea baixo control e se recupere a actividade turística, aproveitando ademais a ampliación do Ano Santo ata 2022.

O obxectivo central desta nova agrupación é potenciar a ruta marítimo fluvial a Compostela, o primeiro Camiño de Santiago da historia. Por esta ruta, coñecida tamén como “Translatio” chegaron no século I os restos do Apóstolo Santiago procedentes de Jaffa, dando orixe ao fito xacobeo.

As actividades que se proxecten pretenden atraer peregrinos a esta ruta e ofrecerlles alternativas turísticas nos catro concellos participantes, de xeito que, a súa viaxe por augas da Ría de Arousa e do Río Ulla se acompañe con visitas aos principais recursos de cada municipio.

Tamén se tentará atraer a peregrinos que cheguen a Compostela a través doutros camiños, ofrecéndolles a posibilidade de dar continuidade á súa peregrinaxe realizando a continuación a ruta marítimo fluvial.

“Todo o que sexa promocionar Valga é positivo”, destacou Bello Maneiro, que se referiu á estreita vinculación de Valga co fenómeno Xacobeo, non só a través da Rúta marítimo fluvial, senón tamén co Camiño Portugués –a segunda ruta de peregrinación a Santiago máis transitada– ou coa lenda de Prisciliano que, segundo algúns autores como José Guerra Campos, estaría enterrado nos Martores.

MarSantiagoo2 MarSantiagoo3

Volver