- Os aprendices adquiren coñecementos básicos en ofimática e aprenden a traballar de forma autónoma cos ordenadores
- En paralelo continúa coas obras de construción da varanda en Mina Mercedes e traballos de desbroce no Parque Irmáns Dios Mosquera
Valga, 16 de marzo de 2021.
A Aula CeMIT acolle durante toda esta semana e parte da vindeira as sesións do módulo de Informática do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia V, ás que asiste todo o alumnado das dúas especialidades formativas: carpintería e forestais.
As clases de alfabetización en informática son impartidas pola técnica municipal responsable da Aula CeMIT, Vanessa Losada. O obxectivo é que os alumnos conten con coñecementos básicos sobre os conceptos informáticos e se familiaricen cos ordenadores, en concreto que adquiran destrezas básicas en relación ao sistema operativo, que coñezan de xeito práctico as principais aplicacións en ofimática, se inicien en Internet e sexan capaces de traballar de forma autónoma.
Para cumplir coas medidas anti Covid en vigor, os aprendices están distribuídos en tres grupos de seis persoas cada un.
En paralelo, o Obradoiro continúa realizando algunhas das obras de interese público que forman parte do proxecto, dirixido a persoas desempregadas. En concreto, o módulo de carpintería traballa na instalación dunha nova varanda perimetral na Mina Mercedes e o módulo de forestais executa tarefas de desbroce e limpeza no Parque Irmáns Dios Mosquera.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia V, promovido polos concellos de Valga e Moraña, ten unha duración de nove meses e finánciase cunha aportación económica da Consellería de Emprego de 347.000 euros.