- Os aspirantes poden presentar as súas solicitudes e currículos durante un prazo de tres días
- A selección realizarase mediante concurso de méritos, que incluirá unha proba práctica e unha entrevista persoal
Valga, 15 de marzo de 2021.
O Concello vén de aprobar as bases e a convocatoria para a contratación, en réxime de persoal laboral temporal, de dous traballadores –un condutor e un tractorista– para realizar funcións en todos os servizos públicos de administración especial, exceptuando os de seguridade.
A contratación será a tempo completo, por obra ou servizo, cunha duración aproximada de nove meses.
Os operarios terán como principais tarefas a realizar a conservación, reparación e mantemento de elementos de dominio público como beirarrúas, vías públicas, parques, xardíns, mobiliario urbano e similares, así como outras funcións propias do servizo de Obras.
Os candidatos deben cumprir os seguintes requisitos:
- Ter a nacionalidade española, sen prexuízo do disposto no artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, do Texto Refundido do Estatuto Básico do Emprego Público, respecto do acceso ao emprego público de nacionais doutros estados.
- Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais do posto ao que aspira.
- Ter cumpridos 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
- Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera administración pública ou dos órganos constitucionais ou estaturarios das comunidades autónomas, nin se achar en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.
- Permiso de conducir C (só para a praza de condutor)
Ábrese, a partir de mañá, un prazo de tres días naturais para que os aspirantes presenten no Rexistro do Concello as súas solicitudes de participación e currículo, xunto coa seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI
- Fotocopia do permiso de conducir C (no caso da praza de condutor)
A selección dos dous traballadores realizarase mediante o sistema de concurso de méritos, que constará dunha proba práctica consistente na realización dunha tarefa propia do posto e unha entrevista persoal con preguntas relacionadas co posto de traballo. Valoraranse aspectos relativos aos coñecementos, por parte do aspirante, da praza á que aspira, coñecemento do municipio, dispoñibilidade de vehículo, dispoñibilidade horaria e experiencia.
Bases para a contratación dun condutor e un tratorista