- Entrou en servizo a comezos desta semana e promoveranse, tamén, actividades cos escolares
- Máis de setecentos veciños teñen xa un composteiro individual nos seus fogares
Valga, 3 de marzo de 2021.
O CEIP Plurilingüe Baño-Xanza conta xa co seu propio centro de compostaxe, que entrou en funcionamento esta semana. Este centro completa a rede de composteiros comunitarios instalados en Valga no marco do Plan Revitaliza, que o Concello está a desenvolver en colaboración coa Deputación.
O composteiro recollerá os residuos orgánicos procedentes do servizo de comedor do colexio. O pasado venres, a mestra composteira do Concello mantivo unha reunión co persoal do comedor para explicarlles o proceso de aporte dos biorresiduos. Xunto ao centro de compostaxe instalouse tamén un caixón para o depósito de material estruturante, imprescindible para que os resultados da compostaxe sexan óptimos
Os técnicos responsables do programa de compostaxe tamén mantiveron conversas coa dirección do colexio para implicar aos estudantes neste modelo de xestión dos biorresiduos, aportando ao composteiro os restos das súas merendas e organizando actividades de sensibilización.
Dende que se puxo en marcha o Plan Revitaliza en Valga, en outubro do pasado ano, puxéronse en marcha tres centros de compostaxe comunitaria (os outros dous están emprazados na Avenida da Coruña e na rúa Doutor de Oya Salgueiro) e téñense repartido máis de 700 composteiros individuais a outras tantas familias para converter en abono natural os restos orgánicos xerados nos seus domicilios.