Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Na sesión ordinaria tratáronse os convenios para a solicitude de dous novos obradoiros de emprego para 36 parados

- Aprobouse unha moción de apoio aos traballadores do Centro de Día e outra solicitando máis financiación para o servizo de axuda no fogar

EscudoConcelloo

Valga, 27 de febreiro de 2021.

O alcalde, José María Bello Maneiro, anunciou onte no Pleno a próxima aprobación dunha liña de axudas de 18.000 euros para os sectores máis afectados pola pandemia da Covid-19. O rexedor explicou que a tramitación está adiantada por parte do departamento municipal de Intervención e comunicou a todos os grupos da Corporación que, se queren facer aportacións, estudarase a súa posible incoporación ás bases. A cantidade que o Concello destinará a estas axudas será maior que a que ten prevista a Deputación para Valga (17.000 euros), explicou Bello Maneiro.

Na sesión ordinaria ratificouse, por unanimidade, o acordo da Xunta de Goberno polo que se aprobou o proxecto de mellora da rede de abastecemento nas parroquias de Valga, Campaña e Cordeiro e o investimento de máis de 183.000 euros por parte da Xunta e do Concello. Tamén saíron adiante, cos votos de todos os grupos da Corporación, os convenios de colaboración entre os concellos de Valga e Moraña para poñer en marcha dous novos obradoiros de emprego dirixidos a un total de 36 parados: o obradoiro Ulla-Umia VI, coas especialidades de carpintería e forestais, e o Xóvenes II, cos módulos de canteiría e novas tecnoloxías. Os dous proxectos suman un orzamento de 716.000 euros, para os que se solicitará financiación á Xunta.

Tamén se aprobaron dúas mocións de urxencia presentadas polo grupo popular. Nunha delas solicítase á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra o incremento do financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar. A moción indica que a axuda a domicilio está a ser “clave para moitos anciáns, persoas dependentes e as súas familias” durante a pandemia e que é o concello o que está a asumir o sobrecusto deste servizo. Esta proposta saíu adiante cos votos do grupo de goberno e Mareas. O PSOE non votou a favor.

A segunda moción aprobada apoia as reivindicacións dos traballadores do Centro de Día, solicitando ao Servizo Galego de Igualdade e Benestar a consolidación dos actuais contratos de traballo. De novo aprobouse cos votos do PP e Mareas, e os socialistas non votaron a favor.

Outro dos puntos aprobados foi a delegación no ORAL da fase instrutora do procedemento sancionador das multas de tráfico e, por último, deuse conta ao Pleno do informe sobre a remisión do orzamento municipal de 2021 e dos informes sobre o cumprimento dos prazos de pago e da execución do presuposto relativos ao cuarto trimestre de 2020.

Volver