- As obras desenvolveranse nas parroquias de Valga, Campaña e Cordeiro
- A administración autonómica financiarán o 80% do custo total do proxecto
Valga, 25 de febreiro de 2021.
O Consello da Xunta aprobou esta mañá o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello para executar obras de mellora na rede de abastecemento de auga potable en distintos núcleos do municipio, en concreto nas parroquias de Valga, Campaña e Cordeiro.
O investimento que se realizará será de 183.358’52 euros, dos que a Xunta de Galicia financiará o 80% e o Concello o 20% restante.
As actuacións contempladas localízanse nas parroquias de Valga (San Miguel e Raxoi), Campaña (Devesa, Torre-Coto e Torre-Mina Mercedes) e Cordeiro (Vilarello e Castiñeiras). No núcleo de Raxoi a actuación consiste nunha ampliación da rede, mentras que en San Miguel colocarase unha condución para unir dous tramos de rede existentes. O resto de intervencións refírense a substitución de tramos de tubaría deteriorados. Executaranse un total de 2.450 metros de canalización.
No núcleo de Raxoi as obras constan de dous tramos.O primeiro ampliará cara o sur a rede existente, dando servizo de abastecemento ás vivendas que actualmente non dispoñen do mesmo. O segundo tramo dará servizo á depuradora de auga.
No núcleo de San Miguel executarase un único tramo que conectará o trazado existente que transcorre pola estrada EP-8501 co trazado que abastece ás vivendas situadas máis ao norte, dando servizo aos inmobles que carecen del na actualidade.
Nas zonas de Torre-Coto, Torre-Mina Mercedes, Castiñeiras, Vilarello e A Devesa cambiaranse varios tramos deteriorados das conducións existentes.