- As subvencións concederanse por orde de entrada, polo que é importante tramitalas con prontitude
- As cuantías oscilan entre os 1.900 e os 3.700 euros en función do período de peche e do número de traballadores
Valga, 23 de febreiro de 2021.
Os establecementos de hostalería de Valga e demais sectores económicos afectados pola pandemia poden solicitar a partir de mañá as axudas directas aprobadas pola Xunta. As bases para concorrer a estas subvencións foron publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O programa de axudas á hostalería diríxese a bares, cafeterías, restaurantes, pubs, discotecas ou salas de festas que se visen afectados polas ordes de peche decretadas pola autoridade sanitaria delegada da Xunta. Segundo se especifica nas bases, enténdese que están afectados polo peche aqueles establecementos que non poden ter aberto ao público o interior dos mesmos, independentemente do servizo en terrazas, recollida no local ou servizo a domicilio.
Tamén poden acollerse a estas subvencións aloxamentos (hoteis, hostais, casas rurais e outros), afectados polo peche perimetral do concello.
A segunda liña de axudas publicada hoxe diríxese a outros sectores económicos afectados tamén polas ordes de peche a consecuencia da pandemia como ximnasios, establecementos de xogos e de lecer ou atraccións de feira, entre outros.
O importe das axudas queda determinado en función da data de peche do establecemento ou, no caso de aloxamentos, a data de entrada en vigor do peche perimetral.
- Os establecementos pechados dende o 27 de xaneiro percibirán unha axuda única de 1.900 euros
- Os establecementos pechados dende o 21 de xaneiro percibirán unha axuda única de 2.200 euros
- Os establecementos pechados en virtude de dúas ou máis ordes percibirán unha axuda única de 2.700 euros
- No caso de establecementos que ocupen a 10 traballadores ou máis, incrementarase a axuda en 1.000 euros
As axudas concederanse para cada establecemento paralizado, podendo ter a persoa beneficiaria máis dun establecemento con dereito a axuda. Deste xeito, deberá presentarse unha única solicitude por titular e, no caso de ser titular de máis dun establecemento afectado, nesa mesma solicitude figurarán todos os locais afectados.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).
As axudas concederanse por orde de entrada ata esgotar os fondos reservados para elas, polo que é importante tramitalas con prontitude.
Para maior información pódese chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web www.oficinadoautonomo.gal.