- A tradicional homenaxe ás mulleres valguesas cambia de formato debido á situación sanitaria
- Todos os veciños poden enviar as súas propostas de recoñecemento acompañadas de fotografías, vídeos, poemas ou outro material
Valga, 19 de febreiro de 2021.
A tradicional homenaxe ás mulleres de Valga que o Concello organiza cada ano con motivo do Día Internacional da MUller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo, cambia este ano de formato para adaptarse ás circunstancias da pandemia e ás medidas sanitarias en vigor.
A Concellería de Igualdade e Benestar Social organiza a iniciativa “Valga leva nome de muller”, na que serán os propios veciños os que propoñan ás mulleres homenaxeadas este ano. Poden participar na actividade todas as persoas que o desexen e que queiran render tributo a unha muller de Valga.
Para iso deberán facer chegar ao Concello a súa proposta xunto cunha obra en formato libre (poema, fotografía, relato, audiovisual, retrato, debuxo, etc.) que explique o motivo do recoñecemento.
As obras poden presentarse en formato dixital, a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., ou en formato físico no Centro de Información á Muller, emprazado no CODI.
Ademais, cada participante debe cubrir a folla de inscrición e enviala xunto coa súa proposta. O prazo de presentación estará aberto entre o 19 de febreiro e o 1 de marzo.
As persoas participantes recibirán un obsequio e as homenaxes presentadas formarán parte dunha exposición.
Esta iniciativa, que formará parte da programación do Concello con motivo do 8-M, pretende visibilizar o papel da muller no desenvolvemento da comunidade local.