Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os dous vehículos serán cofinanciados pola administración local e a Deputación a través do Plan Revitaliza

- Permitirán transportar a trituradora de biomasa e facilitarán os desprazamentos da mestra composteira

 

Valga, 16 de febreiro de 2021.

O Concello vén de sacar a contratación a adquisición en propiedade dun camión carrozado con grúa e dun furgón con remolque no marco do Plan Revitaliza co obxectivo de cubrir as necesidades do programa de implantación da compostaxe.

En concreto, o camión permitirá o traslado por arrastre da máquina trituradora de biomasa que o Concello acaba de adquirir tamén ao abeiro do Plan Revitaliza. Ademais, este vehículo empregarase para o traslado do material estruturante, así como pólas e demais restos vexetais para a súa trituración en destino, facilitando e axilizando a distribución do material necesario para que o proceso de compostaxe se leve a cabo correctamente.

En canto ás características, o camión constará de carrozado con caixa basculante en aluminio, con baldeira polo lateral de 35 centímetros, traseira practicable e con grúa que dispoña de tres prolongas hidráulicas. A súa masa máxima autorizada non superará os 3.500 quilogramos e disporá de gancho de remolque.

O segundo vehículo a adquirir é un furgón con remolque que será empregado pola mestra composteira para os seus desprazamentos aos domicilios dos veciños que participan no programa para o control dos composteiros. O furgón terá catro prazas, con gancho de remolque fixo e baca de aceiro, mentras que o remolque será de dous eixes, con freo de inercia, roda de apoio dianteira, baldeiras de 55 centímetros e porta traseira extraíble, entre outras caracteríticas.

Tanto o camión, coma o furgón e o remolque deberán ser de 1º matriculación, a estrear, cumprir coa normativa vixente e estar homologados.

As empresas que queiran optar a adxudicación teñen de prazo ata o día 23 de febreiro para presentar as súas ofertas a través da plataforma electrónica da Consellería de Facenda: https://silex.conselleriadefacenda.es/SLE_Internet/ . O prezo de licitación é de 100.000 euros, IVE incluído, e será cofinanciado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra.

Volver