- As primeiras traballadoras municipais xa recibiron a dose inicial
- “É unha noticia boa e importante para que o servizo se poida prestar con maior seguridade”, indica o alcalde
Valga, 12 de febreiro de 2021.
O persoal do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Valga comezaron a recibir a vacina contra a Covid-19, seguindo o plan de vacinación establecido polas autoridades sanitarias.
As primeiras traballadoras do servizo municipal recibiron nos últimos días a dose inicial da vacina e, en próximas semanas, serán chamadas de novo para completar a inmunización coa segunda inxección.
As autoridades sanitarias incluíron aos traballadores de axuda a domicilio como persoal preferente para a vacinación anti-Covid, asimilándoos ao persoal sanitario e sociosanitario, dado o risco de exposición ao virus derivado da súa actividade laboral e tendo en conta, ademais, que traballan con persoas de alto risco como son os dependentes ou discapacitados.
“Que o persoal de axuda a domicilio do Concello reciba a vacina é unha noticia boa e importante, posto que o servizo poderá prestarse con maior seguridade tanto para os traballadores coma para os beneficiarios do mesmo”, destaca o alcalde, José María Bello Maneiro.