Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Escola Infantil, o CRA e o colexio de Baño organizaron festas de disfraces nos propios centros

- No CEP Ferro Couselo realizaron unha tamborrada e un grupo de alumnos animaron o IES con música

Entroido21 1

Valga, 12 de febreiro de 2021.

Os centros educativos de Valga celebraron hoxe dun xeito moi particular o Entroido. A pandemia obrigou a rachar coas tradicións, organizando festas e actividades sen excesivo contacto entre o alumnado e moi afastados dos concorridos festivais e pasarrúas de anos anteriores.

No CEIP Baño-Xanza celebraron durante toda a mañá o Covid Fest, no que non faltaron a música e unha merenda a base de chocolate con rosquillas. Os distintos cursos foron saíndo progresivamente ao patio cos seus disfraces e interpretaron actuacións que foron gravadas e que as familias poderán ver a través da páxina web do colexio.

A reciclaxe foi a temática elixida, de maneira que os nenos ían vestidos con traxes feitos con materiais reutilizados. Robots de cartón e papel de aluminio, superheroes con bolsas ou zombis con roupa usada foron algúns exemplos.

No CEP Xesús Ferro Couselo de Cordeiro a celebración do Entroido consistiu nunha tamborrada na que participaron todos os alumnos e o profesorado. Lucindo vistosos disfraces, os escolares saíron ao patio e fixeron soar uns tambores improvisados con caldeiros ou botes de pintura.

A música tamén foi a elixida no IES de Valga para conmemorar este Entroido tan particular. Un grupo de alumnos de música realizaron un peculiar pasarrúas polas dependencias do instituto para dar un pouco de animación á xornada.

No CRA de Valga non puideron reunir aos nenos de todas as escolas, como adoitaban facer en anos anteriores, pero sí fixeron festas en cada unha das escolas con actividades comúns: xogos sobre os entroidos tradicionais de Galicia, obradoiros de elaboración de máscaras e de música e baile e xogos con confeti, entre outras. Os nenos levaron os seus propios doces e postres típicos para a merenda.

Por último, na Escola Infantil mantiveron o sistema de aulas burbulla celebrando o Entroido por separado cada grupo. Os bebés disfrazáronse de bufos, as dúas aulas de 1-2 anos de paiasos e Baby Shark e as de 2-3 anos de madalenas e raposos.

O vindeiro martes, no que a Escola abre de 8:00 a 15:00 horas, nenos e mestres volverán a disfrazarse.

Entroido21 2 Entroido21 3

Entroido21 4 Entroido21 5

Volver