- O proxecto tamén inclúe a instalación de redutores de velocidade en viais das cinco parroquias
- As obras acaban de saír a licitación e as empresas poden presentar as súas ofertas ata o día 8 de marzo
Valga, 11 de febreiro de 2021.
O Concello de Valga investirá 123.590’56 euros do Plan Concellos da Deputación na reparación de varias estradas de titularidade municipal e en outras actuacións de mellora da seguridade viaria nas cinco parroquias do municipio.
O proxecto, que acaba de saír a licitación, contempla obras de acondicionamento en catro viais que se atopan en deficientes condicións, co obxectivo de ofrecer un servizo axeitado aos usuarios, tanto peóns coma vehículos. As estradas sobre as que se actuará atópanse en Martores, Cimadevila e Igrexa (Setecoros) e tamén se mellorará un camiño municipal entre a estrada EP-8501 e o Parque Irmáns Dios Mosquera. Ademais, está previsto acondicionar o estacionamento contiguo á igrexa parroquial de Setecoros.
Asimesmo, entre as actuacións a executar atópase a instalación de varios redutores de velocidade en estradas das cinco parroquias do municipio.
As empresas que queiran optar á adxudicación destas obras teñen de prazo ata o día 8 de marzo para presentar as súas ofertas a través da plataforma electrónica da Consellería de Facenda: https://silex.conselleriadefacenda.es/SLE_Internet/