- As visitas, que serán individuais e cumprindo as medidas anti-Covid, terán lugar o día 26 de febreiro
- A matrícula para nenos nados entre os anos 2018 e 2016 estará aberta entre o 1 e o 20 de marzo
Valga, 9 de febreiro de 2021.
O Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga organiza unha xornada de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e tamén o proxecto educativo que se desenvolve nas escolas que o conforman (Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza), nas que se imparte segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 6 anos).
A xornada, a través da que se divulgará o proceso de matrícula e o proxecto educativo do centro, terá lugar o venres, 26 de febreiro, a partir das 15:30 horas. As visitas serán individuais e cumprindo todas as medidas anti-Covid e estarán dirixidas polas titoras das seis escolas.
Nesta actividade poden participar familias, tanto de Valga coma doutras localidades, interesadas en matricular os seus fillos ou, simplemente, en coñecer o funcionamento do CRA e das seis escolas que o integran, que contan neste curso cun total de 59 alumnos matriculados, o que supón unha media de 10 alumnos por aula.
O prazo para presentar as solicitudes de admisión para o vindeiro curso 2020-21 estará aberto entre o 1 e o 20 de marzo, para nenos nados no ano 2018, que comezan o segundo ciclo de Infantil, aínda que tamén poden incorporarse rapaces nacidos en 2017 e 2016 que queiran cambiar de centro. “O número de alumnos mínimo para manter as seis escolas está garantido para o próximo curso”, confirma o director do CRA, Adrián Baloira. “As familias cada vez buscan máis este tipo de centros máis próximos, con ensinanza máis individualizada e cunha ratio pequena de alumnos que permite impartir unha educación de calidade”.
O CRA conta actualmente con alumnado de Valga, pero tamén doutras vilas da contorna como Pontecesures, Catoira, Cuntis ou Padrón. “De cara ao vindeiro curso tamén recibimos o interese de familias de Teo, Rois e Caldas de Reis, que veñen expresamente polo tipo de educación que se imparte nas nosas escolas”, indica o director.
Coa mesma estrutura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente educativo familiar nun entorno natural próximo que facilita a adaptación dos nenos.
O equipo docente do CRA está formado por:
- 6 mestras titoras (unha por aula)
- 2 mestras de apoio á E.I. Prestan apoio ao alumnado na aula xunto coa titora.
- 1 mestra especialista en Inglés (2 h semanais en cada aula)
- 1 mestre especialista en Ed. músical (2h semanais en cada aula)
- 1 mestre especialista en Ed. Física (2h semanais en cada aula)
- 1 mestra de Relixión Católica
- 1 orientador
- 2 coidadoras para o alumnado con necesidades educativas especiais.
- 1 Auxiliar de Conversa nativa en lingua inglesa que acompaña na docencia á mestra especialista de inglés
- 1 mestra especialista en Audición e linguaxe para a atención do alumnado con necesidades que ademais realiza unha sesión semanal en cada aula para un programa da estimulación da linguaxe de todo o alumnado).
- 1 Mestra especialista en Pedagoxía terapéutica que atende ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que o require.
Máis información sobre o CRA e o seu modelo educativo: https://www.valga.gal/educacion/novas/2643-proceso-de-matr%C3%ADcula-no-cra-de-valga-para-o-curso-2021-2022
Díptico da Xornada de Portas Abertas