- As persoas interesadas deben contar co graduado en ESO e poden inscribirse na Oficina de Emprego de Vilagarcía
- A actividade formativa comezará a finais de febreiro e terá unha duración de 680 horas
Valga, 8 de febreiro de 2021.
O IES de Valga impartirá durante os vindeiros meses un curso de soldadura con eléctrodo revestido e TIG para o que xa está aberto o proceso de selección do alumnado.
Poden participar nesta actividade formativa persoas desempregadas que teñan o graduado en ESO. Deben anotarse na Oficina de Emprego de Vilagarcía de Arousa, dende a que os candidatos serán chamados para a selección. O número de prazas dispoñibles é de quince.
O curso dará comezo o día 22 de febreiro e impartirase polas tardes de 15 a 20 horas. Terá unha duración de 680 horas, incluíndo un módulo de 70 horas de riscos laborais. Os alumnos tamén realizarán unha semana de prácticas en empresas da contorna.
Os contidos formativos do curso son os seguintes: procesos de corte e preparación de bordos; soldadura con eléctrodos revestidos de chapas e perfís de aceiro carbono con eléctrodos básicos e de rútilo; soldadura con eléctrodos revestidos de estruturas de aceiro carbono, inoxidables e outros materiais; interpretación de planos en soldadura; soldadura TIG de aceiro carbono, de aceiro inoxidable e de aluminio e aliaxes; e soldadura con eléctrodo revestido e TIG.