Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As probas PCR realizáronse o pasado martes no Centro de Saúde e a elas foron convocadas 450 persoas

- O Concello traballa coordinadamente con Sanidade para decidir novas accións en función da situación da pandemia

 

Valga, 5 de febreiro de 2021.

O cribado realizado esta semana entre os autónomos de Valga e traballadores de establecementos comerciais saldouse con tres positivos en Covid-19 e outros catro resultados indeterminados. A estas últimas persoas, o Sergas realizaralle novas probas  para tratar de obter resultados concluíntes sobre se se contaxiaron ou non co virus. En canto aos positivos, dende Sanidade localizarán agora aos seus contactos para realizarlles a correspondente PCR e que inicien o período de corentena.

O cribado realizouse na tarde do martes no Centro de Saúde de Baño tralas xestións realizadas polo goberno local ante a Consellería de Sanidade. “Todo o que sexa facer probas, benvido sexa, xa que isto axuda a detectar a persoas asintomáticas que, doutro xeito, poderían seguir contaxiando. Cantos antes se descubran aos positivos, antes se poderá frear o virus”, considera o alcalde, José María Bello Maneiro.

O Concello está en permanente contacto coas autoridades sanitarias, traballando de forma coordinada e planificando posibles novas accións en función da situación da evolución da pandemia. Nos últimos días, o número de casos en Valga experimentou un descenso, pero dende o goberno municipal faise un chamamento aos veciños para que non baixen a garda e continúen a cumprir todas as medidas e restricións en vigor, principalmente limitar os contactos ao núcleo de convivencia, evitar saír da casa o máximo posible e só por cuestións esenciais, utilizar a mascarilla e manter a distancia de seguridade.

Volver