- O alcalde e a concelleira de Emprego asistiron esta mañá á inauguración, que contou coa participación da delegada da Xunta en Pontevedra
- Os aprendices formaranse nas especialidades de albanelería e forestais durante un ano
Valga, 16 de novembro de 2020.
O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez, asistiron esta mañá en Moraña á inauguración dun novo Obradoiro de Emprego promovido conxuntamente polos dous concellos e dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade.
O acto inaugural contou tamén coa presenza da delegada da Xunta en Pontevedra, Mª Luisa Piñeiro, o rexedor morañés, José Cela, e a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, así como o alumnado e o equipo docente. Son un total de 16 os mozos participantes, oito deles veciños de Valga.
O obradoiro terá unha duración de doce meses e constará de dúas especialidades formativas: forestal e albanelería. Os aprendices recibirán formación teórica e ademais realizarán prácticas consistentes en obras de interese público.
As obras de forestais que están proxectadas en Valga inclúen o acondicionamento de tramos do Camiño Portugués e de diferentes espazos verdes e áreas de lecer do municipio coma o Parque Irmáns Dios Mosquera, a praia de Vilarello, Mina Mercedes, Mina Porto Piñeiro ou o Miradoiro de Beiro, entre outros.
No tocante á especialidade de albanelería, levaranse a cabo obras de mellora en instalacións e recintos municipais coma as pistas deportivas de Beiro, o pavillón municipal de Beiro ou o vello campo de fútbol de Baño.
Tamén se impartirán módulos de prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, sensibilidade ambiental e igualdade.
Durante a inauguración, o alcalde pideu aos participantes que afronten o Obradoiro con ilusión por aprender e formarse e que poñan empeño para aproveitalo o máximo posible, correspondendo así ao esforzo que están a facer os concellos de Valga e Moraña e máis a Xunta de Galicia, que aportou máis de 400.000 euros a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo.