Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O compost, que pode utilizarse para traballos hortícolas ou de xardinería, foi producido no centro comunitario da Avenida da Coruña

- Nos vindeiros días entrará en funcionamento un novo centro de compostaxe no colexio de Baño

Compost1

Valga, 2 de febreiro de 2021.

A implantación do Plan Revitaliza de compostaxe xa dá resultados en forma de abono natural. No centro de compostaxe comunitaria da Avenida da Coruña obtívose nos últimos días a primeira remesa de compost, que está a disposición dos veciños para a súa utilización en tarefas hortícolas ou de xardinería.

Este centro comunitario foi o primeiro que entrou en funcionamento en Valga a comezos de novembro. Nos últimos tres meses a notable aportación de residuos orgánicos por parte dos residentes na zona permitiu completar o proceso de compostaxe e acadar o primeiro lote de abono, que é de boa calidade, tal e como avaliaron os técnicos responsables do programa. “Neste período os residuos orgánicos tiveron tempo de descompoñerse e esterilizarse e o resultado foi un lote de cor escura e cun aspecto e textura que indican a súa calidade”.

Os óptimos resultados, explica o mestre composteiro do Concello, débense a varios factores pero, principalmente, ao bo ritmo de aportación de residuos por parte dos veciños e á boa selección que fan do lixo que depositan, evitando elementos inaxeitados.

O compost producido está agora a disposición dos veciños no propio centro de compostaxe comunitaria. Pode empregarse para abonar e fertilizar hortas ou xardíns e incluso para macetas, aínda que neste último caso é aconsellable peneiralo previamente).

Actualmente están en funcionamento en Valga dous centros comunitarios de compostaxe: o da Avenida da Coruña e da rúa Doutor de Oya Salgueiro, que entrou en servizo a mediados de decembro. Está xa instalado tamén un terceiro centro no recinto do colexio de Baño e está previsto que comece a funcionar nos vindeiros días.

Ademais, nos últimos meses xa se teñen distribuído máis de seiscentos composteiros domésticos entre outras tantas familias do municipio.

Compost1 Compost2

Volver