- A tenda e os seus clientes aportaron leite, aceite, conservas e outros produtos básicos
- O goberno local agradece esta contribución coa que se axudará a varias familias do municipio
Valga, 1 de febreiro de 2021.
O establecemento Alimentación Germán fixo entrega ao departamento de Servizos Sociais do Concello dun carro da compra con produtos alimenticios que agora serán distribuídos entre familias do municipio que se atopan en situación de vulnerabilidade.
Boa parte dos alimentos foron aportados polos clientes do establecemento, que doaron produtos como aceite, pasta, leite, legumes, azucre, conservas ou galletas, entre outros. Unha vez pechada a recollida, a xerencia de Alimentación Germán engadeu un 10% máis para completar o lote.
O establecemento puxo en marcha esta recollida benéfica a comezos do mes de decembro para axudar a aquelas familias do municipio que, debido á crise provocada pola pandemia, están a pasar por dificultades. A recollida continúa activa, de maneira que todas aquelas persoas que queiran contribuír poden depositar os produtos (alimentos, preferentemente non perecedoiros, e produtos de limpeza e hixiene) no espazo que a tenda, emprazada no Forno, ten reservado para este fin.
O goberno local quere agradecerlle esta contribución solidaria tanto a Alimentación Germán coma aos seus clientes.