Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

Reproba que os concelleiros da oposición “se erixan en xuíces e tamén en inspectores de traballo"

- Defendeu a profesionalidade dos traballadores municipais ante os intentos de “embarrar e falsear”

 DSC 0183

Valga, 10  de febreiro de 2018.

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, defendeu no pleno extraordinario de onte, convocado a petición do PSOE, a legalidade da xestión do equipo de goberno e a responsabilidade dos traballadores municipais no exercicio das súas funcións, lamentando que os concelleiros da oposición se erixan “en xuíces e agora tamén en inspectores de traballo”.

O rexedor incidiu en que “o Concello contratou a unha persoa e non a unha empresa para realizar traballos de reforzo administrativo”. Engadiu que para o equipo de goberno “esa é a persoa idónea para realizar esa tarefa e está a cumplir á perfección co seu traballo”. Bello Maneiro fixo extensiva esta afirmación a todos os funcionarios e traballadores do Concello. Sobre a situación laboral de dous deles, pola que que preguntou expresamente o Partido Socialista, o alcalde reiterou que “están facendo o traballo que lle corresponde ou máis aínda, polo que estamos moi contentos e satisfeitos con eles”.

No tocante ás dietas que perciben o secretario e o interventor acumulados, Bello Maneiro recalcou que “todo o que se pagou está dentro da legalidade”. Lembrou, asimesmo, que os orzamentos recollen as prazas de secretario e interventor: “Quen convoca as prazas é o Ministerio de Administracións Públicas e, en caso de non cubrirse, quen nomea secretario e interventor é a Xunta de Galicia e non esta Alcaldía”. Neste sentido, o rexedor afirmou que “a oposición de Valga, en lugar de defender os intereses dos veciños, o único que pretende é embarrar, falsear e ir ao xulgado”. Puxo como exemplo a figura de Luis Nieto, sobre o que volveu a explicar que “nin traballa nin cobra do Concello”.

Por último, sobre a construción do Centro de Interpretación da Caña, Bello Maneiro explicou que os terreos foron adquiridos polo Concello a un particular. “Esa parcela é propiedade do Concello de Valga e, de feito, a queixa presentada ante a Valedora do Pobo foi arquivada”.

O alcalde, en representación do grupo de goberno, respondeu deste xeito, a todos os asuntos plantexados polo Partido Socialista con excepción do último sobre os cursos ADF. Cando Bello Maneiro estaba a contestar, e logo de varias interrupcións por parte da voceira socialista con temas que nada tiñan que ver coa orde do día, o rexedor deu por rematada a sesión.

Volver