- As obras afectarán aos lugares de Barro, Sixto, Balleas, Reguengo, Casaldeirigo, Medela e Ínsua
- O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o día 22 de febreiro
Valga, 26 de xaneiro de 2021.
O Concello de Valga acaba de sacar a contratación obras para a instalación do saneamento en varias zonas do municipio, unha actuación que suporá un investimento de 167.232’62 a través do programa provincial Plan Concellos 2020.
O proxecto inclúe obras de colocación de colectores nos lugares de Barro-Sixto, Balleas, Reguengo, Casaldeirigo, Medela e Ínsua. Os colectores realizaranse con tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro interior para a evacuación das augas residuais procedentes das vivendas, eliminando así os pozos negros e fosas sépticas existentes e reducindo posibles focos de contaminación ambiental.
Os colectores irán acompañados dos correspondentes pozos de rexistro para posibilitar a inspección, limpeza e acometidas das vivendas.
As empresas poden presentar as súas ofertas para optar á execución ata o día 22 de febreiro, a través da plataforma electrónica da Consellería de Facenda: https://silex.conselleriadefacenda.es/SLE_Internet/
Con estas obras o goberno local continúa avanzando no seu obxectivo de chegar coa rede municipal de saneamento a todos os lugares do concello.