- O responsable do instituto estivo esta mañá na radio municipal para informar sobre a situación da pandemia
- Entre os estudantes están confirmados 7 contaxios: “Entre 400 persoas é unha porcentaxe pequena”
Valga, 25 de xaneiro de 2021.
O director do IES de Valga, Eliseu Mera, estivo esta mañá na radio municipal para explicar a situación do centro en relación á pandemia e aclarar algunhas dúbidas que poidan ter as familias do alumnado.
Actualmente hai no instituto 7 casos confirmados de Covid-19 entre os estudantes e 4 entre o profesorado e o persoal de servizos. “Ao igual que no resto da sociedade, estamos no punto máis álxido dende que comezou o curso, aínda que 7 casos sobre un total de 400 alumnos é unha porcentaxe pequena”, tranquilizou o director. Ademais, outro grupo duns cincuenta mozos atópanse en corentena por ter sido contactos. Neste sentido, Eliseu Mera aclarou que “non están confinados por ser contacto de alguén do centro, senón por contactos fóra” do ámbito educativo. Por iso pediu tanto ao alumnado como ás familias que “fagan un esforzo para limitar ao máximo as súas relacións e non baixar a garda en canto ao cumprimento das medidas”.
O director fixo fincapé en que boa parte dos estudantes do IES chegan de fóra de Valga. “Nos ciclos formativos a maior parte do alumnado é de fóra e en Bacharelato recollemos mozos de varios municipios da contorna coma Pontecesures, Catoira ou Dodro”. Por iso o caso do IES é particular porque “o tránsito é maior”. Si que destacou que “o comportamento do alumnado en canto ao cumprimento dos protocolos, hixiene, mantemento da distancia e demais medidas de seguridade está a ser magnífico. O problema está, sobre todo, fóra” do ámbito educativo.
Os estudantes que, debido a un contaxio ou que teñen que gardar corentena, poden seguir a actividade educativa a través da Aula Virtual do instituto. “Estamos facendo un esforzo importante para que o alumnado que está na casa manteña un bo nivel, aínda que iso depende de moitos factores coma os equipos informáticos dos que dispoñan. Nese sentido, “nós anticipámonos porque en decembro de 2019, cando aínda nin se albiscaba a pandemia, adquirimos dez portátiles para prestar aos estudantes que non teñen acceso a un”.
Por último, o director referiuse ao “diálogo fluído” que existe entre o IES e o Concello e á colaboración da administración local a pesar de non ter competencias na actividade do instituto. “Foinos de gran axuda, por exemplo, a instalación dunha carpa para que todo o alumnado poida saír ao exterior nos recreos en días de chuvia. O Concello fixo un esforzo importante asumindo o custo desta carpa ata finais do curso”. Tamén agradeceu o “apoio importantísimo” da ANPA na xestión diaria do centro.