- O Auditorio tamén acolle esta tarde o festival de Carnaval da Escola Infantil Municipal
- Ás 17:30 dará comezo na biblioteca de Cordeiro un obradoiro de caretas gratuíto para nenos a partir de 5 anos
Valga, 9 de febreiro de 2018.
Alumnado e profesorado do Centro Rural Agrupado de Valga celebraron esta mañá no Auditorio Municipal un festival de entroido no que deron a súa particular volta ao mundo.
Continuando co proxecto educativo no que están a traballar dende o comezo do curso, os nenos e mestres das escolas unitarias de Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza foron subindo ao escenario para bailar disfrazados de mariachis mexicanos, da Garda Real británica, de tribu surafricana, de chineses, neozelandeses e canadenses, aplaudidos polos pais e familiares que acudiron a velos.
As actividades de Carnaval do CRA incluíron tamén obradoiros de baile e de confección de máscaras e un contacontos. A festa rematou cunha merenda con filloas, orellas, rosquillas e outros doces elaborados polas familias.
Esta tarde, tamén no Auditorio, celébrase o festival de Entroido da Escola Infantil Municipal e, ás 17:30, terá lugar na biblioteca municipal un obradoiro de caretas gratuíto para todos os nenos que queiran participar.