- Os veciños que se atopen nesta situación poden chamar ao teléfono 659 06 37 14
- Os Servizos Sociais ofreceranlle apoio para cubrir necesidades básicas e urxentes
Valga, 18 de xaneiro de 2021.
O departamento de Benestar Social do Concello de Valga recorda a todos os veciños que ten activo un servizo de atención a maiores que viven sós ou a persoas que se atopan en situación de confinamento domiciliario para axudalos a cubrir as súas necesidades básicas e urxentes en caso de que carezan de rede familiar de apoio.
Os valgueses que se atopen nesta situación poden poñerse en contacto co Concello a través dos números de teléfono 986 55 94 56 ou 659 06 37 14.
Ademais, se alguén coñece a algunha persoa maior que se viva soa e que non teña o respaldo de familiares ou achegados pode comunicalo ao Concello nos mesmos teléfonos para ofrecerlle o apoio dos Servizos Sociais municipais.
Medidas de prevención
Ante o aumento de casos de Covid-19 no noso municipio, o Concello volve a facer un chamamento á poboación para que cumpra as medidas e protocolos en vigor. Valga atópase en nivel máximo de restricións, o que implica que o municipio está pechado perimetralmente e só se pode saír para realizar actividades esenciais relacionadas con ámbitos coma o laboral, educativo, sanitario e asistencial. Tamén está permitido desprazarse aos concellos limítrofes para adquirir produtos que non estean dispoñibles en Valga.
O toque de queda está establecido ás 22:00 horas e os comercios poderán abrir, como máximo ata as 21:30 cun aforo do 50%. No tocante á hostalería, non pode haber actividade no interior dos locais. Só se permite o funcionamento de terrazas ata as 18:00 horas, pedidos para levar e entrega a domicilio. As reunións, tanto públicas como privadas, están limitadas a catro persoas non conviventes.
Dende o goberno municipal pídese aos veciños que eviten saír o máximo posible e só o fagan para cuestións esenciais e recorda a obrigatoriedade de usar mascarilla e manter a distancia de seguridade.