Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O rexedor e outros membros do goberno participaron esta mañán unha reunión telemática con responsables do Sergas

- Bello Maneiro insiste na importancia de cumprir as medidas sanitarias para reducir o número de contaxios

IMG 20210114 173614

 Valga, 14 de xaneiro de 2021.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e outros concelleiros do equipo de goberno participaron esta mañá nunha reunión telemática co secretario xeral da Consellería de Sanidade e a xerente da Área Sanitaria de Santiago, á que pertence Valga. Neste encontro, no que participaron tamén o representantes do resto de concellos da Área Sanitaria, analizáronse a situación da pandemia e as novas medidas aprobadas pola Xunta de Galicia para frear os contaxios, que entran en vigor esta medianoite.

Valga quedou incluída no grupo de sesenta concellos de Galicia en nivel máximo e, polo tanto, perimetrada individualmente sen que poidan producirse entradas ou saídas do termo municipal sen causa xustificada (laboral, educativa, sanitaria ou asistencial).

No transcurso da videoconferencia, o alcalde solicitou aos responsables do Sergas que estuden a posibilidade de permitir libremente os desprazamentos entre os municipios de Valga e Pontecesures, tendo en conta a especial relación que os une, xa que comparten numerosas actividades e recursos a nivel sanitario, empresarial, educativo ou comercial, entre outras.

As autoridades sanitarias estudarán esta petición.

Ademais, os responsables de Sanidade informaron que calquera veciño de Valga pode desprazarse a outro concello limítrofe a comprar sempre e cando os produtos que desexen adquirir non os haxa no noso municipio.

Tamén en resposta a unha pregunta de Bello Maneiro, explicaron que a actividade deportiva non federada pode realizarse en grupos dun máximo de catro persoas, podendo coincidir varios grupos á vez sempre que as instalacións teñan espazo suficiente para manter as distancias entre eles, e sen superar o aforo máximo permitido que é do 50% en espazos interiores.

Debido ao complicado da situación sanitaria, o alcalde reitera aos veciños a importancia de cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, especialmente no que se refire ao uso da mascarilla e o mantemento da distancia de seguridade. “É fundamental para protexernos entre todos”, remarca Bello Maneiro.

As restricións que entran en vigor esta medianoite e que afectan aos concellos en nivel máximo inclúen as seguintes:

  • Peche perimetral dos concellos, dos que só se poderá entrar e saír para realizar actividades esencias relacionadas con ámbitos coma o laboral, educativo, sanitario e asistencial.
  • O toque de queda establecido ás 22:00 horas
  • A hostalería non poderá ter actividade no interior dos locais. Só se permite o funcionamento de terrazas ata as 18:00 horas, servizo para levar e entrega a domicilio.
  • Os comercios poderán abrir, como máximo, ata as 21:30 horas cun aforo do 50%.
  • As reunións públicas e privadas quedan limitadas a catro persoas non conviventes
Volver