Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os gañadores foron Julián Cerneira e o seu grupo de amigos, cun nacemento de 8 metros cadrados e 302 figuras

- Os premios consistiron en vales de compra no comercio local, unha rosca e diploma

ConcursoBeléns21 1

Valga, 14 de xaneiro de 2021.

Os concelleiros de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna, fixeron entrega dos premios do XIX Concurso de Beléns, un certame que anualmente convoca o Concello e que está aberto á participación de particulares, casas comerciais, asociacións e outras entidades de Valga.

O primeiro premio recaeu no grupo de amigos integrado por Julián Cerneira, Andrea Torres, Alfonso Álvarez e Álex Cortés, que presentaron un nacemento duns oito metros cadrados de superficie e 302 figuras (124 persoas, 103 animais, 46 construcións e 29 árbores). As construcións foron feitas artesanalmente polos propios mozos que, ademais, dotaron ao belén de varios mecanismos e automatismos.

O premio que recibiron foi de un vale de 100 euros para canxear no comercio local, unha rosca e un diploma acreditativo.

Os irmáns Fran e Juan Otero Lobato acadaron o segundo posto, cunha montaxe de 12 metros cadrados e arredor de duascentas figuras. Varias escenas do nacemento estaban dotadas de movemento e luz e as construcións, feitas con corcho, ladrillo, cartón e outros materiais. Recibiron como gratificación un vale de compra de 75 euros, ademais da rosca e o diploma.

Por último, o terceiro premio foi para as mozas Clara Troncoso e Saray e Jessica Vilas, cun nacemento dunhas 60 pezas dispostas nunha superficie de 200 metros cadrados, figuras de barro e construcións de corcho. Tamén recibiron unha rosca e o diploma, ademais dun vale de 50 euros.

O xurado do certame estivo integrado polos concelleiros de Cultura e Turismo e un integrante da asociación Amigos do Belén. Valoraron a orixinalidade, o número de pezas e o tamaño, entre outros aspectos.

ConcursoBeléns21 2 ConcursoBeléns21 3

ConcursoBeléns21 4 ConcursoBeléns21 5

ConcursoBeléns21 6 ConcursoBeléns21 7

Volver