- O concello quedará pechado perimetralmente, a hostalería só poderá atender en terrazas ata as 18 horas e as reunións quedan limitadas a catro persoas non conviventes
- O goberno municipal pide aos veciños que cumpran os protocolos para reducir os contaxios e volver canto antes a unha situación de normalidade
Valga, 13 de xaneiro de 2021.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer esta mañá as novas medidas para intentar frear os contaxios de Covid-19. Estas restricións entrarán en vigor a partir da medianoite do xoves ao venres, con Valga incluída no nivel máximo ao igual que outros 60 concellos de Galicia, 20 deles na provincia de Pontevedra.
As medidas que se aplicarán en Valga e no resto de concellos do nivel máximo son as seguintes:
- Valga queda pechada perimetralmente e só se poderá saír do termo municipal para realizar actividades esencias relacionadas con ámbitos coma o laboral, educativo, sanitario e asistencial.
- O toque de queda establecido ás 22:00 horas
- A hostalería non poderá ter actividade no interior dos locais. Só se permite o funcionamento de terrazas ata as 18:00 horas e entrega a domicilio.
- Os comercios poderán abrir, como máximo, ata as 21:30 horas cun aforo do 50%.
- As reunións públicas e privadas quedan limitadas a catro persoas non conviventes
- A actividade deportiva non federada poderá realizarse en grupos dun máximo de catro persoas
Ademais destas normas de obrigado cumprimento, as autoridades sanitarias recomendan á poboación un autoconfinamento no que se realicen tan só actividades esenciais (sanitarias, escolares, coidado de persoas dependentes ou compras indispensables) e piden que non se celebren reunións de persoas non conviventes nos domicilios, posto que son un foco importante de contaxios.
Na nosa comarca tamén quedan incluídos neste nivel máximo de restricións e, polo tanto, cos mesmos protocolos en vigor os concellos de Pontecesures, Caldas de Reis e Cuntis.
En Valga hai actualmente activos 60 casos de Covid-19 e o goberno municipal pide á cidadanía que extreme as precaucións e o cumprimento das medidas ditadas por Sanidade. “É fundamental usar a mascarilla, limitar ao máximo o contacto social, manter sempre a distancia de seguridade e non participar en xuntanzas”, remarca o alcalde, José María Bello Maneiro.
A situación actual "é consecuencia das nosas propias actuacións. Fallamos nós durante as celebracións de Nadal, con xuntanzas de familiares e achegados que son a orixe de moitos dos casos detectados. Pero a situación está controlada e os rastreadores están traballando para localizar a todas as persoas que tiveron contacto cos positivos”.
Bello Maneiro pide tamén aos veciños que atendan aos protocolos, informacións e datos oficiais. “Non hai que alarmarse, pero si ter en conta que esta enfermidade se contaxia con facilitade. Por iso é importante cumprir con todos os protocolos para tentar que a finais de mes poidamos entrar de novo en situación de normalidade”.
Por último, o rexedor informa aos valgueses que todos os servizos municipais seguirán funcionando con normalidade e que o Concello está a disposición de todas as persoas que se atopen en situación de confinamento domiciliario para axudalas no que precisen, ao igual que se vén facendo dende a declaración da pandemia no mes de marzo. Estas persoas poden poñerse en contacto do departamento de Servizos Sociais para trasladarlle as súas necesidade.