Neta e filla de cañeiros, a valguesa Lucía Santiago Sanmiguel, veciña de Senín, foi a gañadora da segunda modalidade do XXI Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo co traballo “A voltas coa alambique”, que lle valeu unha bolsa de estudos dotada con 3.000 euros.
Valga, 12 de xaneiro de 2021.
Esta modalidade do certame, co que o Concello lembra cada ano a figura do seu Fillo Predilecto, Xesús Ferro Couselo, está dirixida a proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros de Valga. No caso de "A voltas co alambique", o obxectivo é o desenvolvemento dunha investigación etnográfica sobre as prácticas sociais e culturais en torno á elaboración da caña.
-Que te animou a presentar este traballo ao Premio Ferro Couselo?
- É a primeira vez que me presento e decidinme porque xa conto con máis experiencia no ámbito do patrimonio e teño feito e participado noutros proxectos. Por exemplo, agora mesmo estou con obaixoulla.gal, un proxecto desenvolvido pola asociación Os Penoucos. Este (a augardente) é un tema que me importa, porque me toca dende pequena, e coa pandemia estaba sen traballo, polo que me parecía que era o momento.
O teu proxecto de investigación céntrase na caña, un dos produtos por execelencia de Valga, e co que a súa familia ten unha relación moi estreita dende hai varias xeracións.
- O meu avó, meu tío avó, meu pai e miña nai foron ou son cañeiros. Agora non é coma antes, non se adican a iso especialmente. Teñen o seu traballo pero manteñen viva esa tradición e, de feito, preséntanse todos os anos ao Concurso da Caña do País. É unha maneira de manter vivo este oficio. En Valga hai moita tradición recente e outra xente que podería contar moitas cousas sobre o tema, por exemplo Fermín Rodríguez.
Que tipo de investigación queres realizar coa bolsa de estudios que acabas de gañar?
- Vou levar a cabo unha investigación etnográfica para achegarme ao acto social que xira arredor do alambique e do consumo do produto que resulta do destilado. Non me quero centrar nas calidades da uva ou da augardente, senón analizar as súas implicación sociais e culturais. Como cando un está na cociña, que arredor da pota xiran moitas cousas. Tamén quero analizar o papel da muller, que é algo do que nunca se fala. As persoas que facían a caña maioritariamente eran homes, pero na casa tamén había unha muller que facía tanto ou máis. E, por outra parte, tratarei de achegarme aos distintos usos que ten a augardente, ao marxe dos gastronómicos.
Grazas a esa tradición familiar moitas destas implicacións xa serán coñecidas para ti.
- Algo coñezo, pero non todo. Son nova e, ademais, dende os 18 anos estiven fóra e volvín para Valga hai uns meses. Si teño moitas lembranzas de cando era pequena: como ao chegar a época do inverno se facía a caña e os veciños de todas as casas, sobre todo xente maior, ían sentarse arredor da pota. Alí pasaban horas e horas contando os seus contos. O que quero é descubrir todo o que alí se cocía.
Que fontes empregarás para obter toda esta información?
- Vou facer unha pesquisa bibliográfica con autores clásicos da antropoloxía gastronómica como poden ser Jesús Contreras a nivel estatal ou, en Galicia, Xavier Castro, que tamén foi gañador do Premio Xesús Ferro Couselo. Tamén quero facer consultas no arquivo municipal, no de Pontevedra e incluso no do Reino de Galicia e no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.
O traballo tamén se vai a basear na oralidade, con entrevistas a persoas das distintas parroquias que estean dispostas a participar e a contar as súas lembranzas para, a partir de aí, desenvolver unha historia.
A última fase será escribir un ensaio no que conxugue todos os coñecementos teóricos que adquirín a través das lecturas bibliográficas e co que me conten os veciños. Intentarei que non sexa moi técnico ou de ámbito académico, senón adaptado a todo o mundo.
Que prazo de tempo te marcas para rematar todo este traballo?
- O cronograma que manexo é de cinco meses, pero todo dependerá de como evolucione a pandemia. Entendo que, á vista da situación, a xente teña medo e non queira xuntarse para falar, por iso as entrevistas deixareinas para o final do inverno ou a primavera. Daquela, esperemos que a situación sexa mellor.