- A mostra “Motivos galegos” inclúe paisaxes, estampas mariñas e retratos
- A artista valguesa descubriu o mundo da pintura aos 50 anos e xa non o deixou
Valga, 8 de xaneiro de 2021.
O Auditorio Municipal dá comezo ao ano 2021 recibindo unha nova exposición artística, neste caso unha colección de pinturas da autoría de Esther Potel, valguesa natural de Campaña pero afincada en Pontecesures.
A mostra, que leva o título de “Motivos galegos”, pode verse na sala de exposicións do Auditorio ata finais deste mes de xaneiro e está formada por unha quincena de obras, entre as que hai paisaxes, estampas mariñas ou retratos coma o dunha leiteira.
Esther Potel foi modista de profesión e iniciouse na pintura, que practica como afección, aos 50 anos de idade. “Cando estaba deixando a costura veu un profesor dar un curso á aldea e probei. Díxome que se me daba moi ben e, ademais, a min gustoume. Por iso decidín seguir con esta actividade e xa levo case trinta anos”, conta.
Moitas das ideas para os seus cadros, que están á venta, tómaas de fotografías ou de escenas cotiás. Hai catro anos xa protagonizara outra exposición en Valga, e tamén no Auditorio.