- Un total de 4.578 peregrinos fixeron noite na pousada do Pino, 1.066 máis que en 2016
- O Camiño Portugués sumou case 60.000 camiñantes durante o pasado ano, consolidándose como a segunda ruta de peregrinación a Santiago máis transitada
Valga, 8 de febreiro de 2018.
As pernoctas rexistradas no albergue de Valga incrementáronse nun 30’35% no pasado ano 2017. Foron 4.578 os peregrinos que elixiron a pousada do Pino para aloxarse mentras cubrían o Camiño Portugués a Santiago, o que representa 1.066 estancias máis que no ano anterior, o 2016, que rematou con 3.512 pernoctas. Agosto foi o mes con máis hóspedes (709), seguido de maio (632), xuño (628), abril (613) e setembro (583).
Este incremento de estancias no albergue valgués vai parello ao aumento de peregrinos que transitan polo Camiño Portugués. No pasado ano ano foron 59.235 os camiñantes que percorreron a vía lusa a Compostela, o que supón 9.697 máis que en 2016 segundo os datos da Oficina do Peregrino. O Camiño Portugués, que discorre por Valga, consolídase así como a segunda ruta de peregrinación a Santiago máis transitada por diante dos camiños do Norte, Primitivo, Inglés, Vía da Prata, da Costa ou Muxía-Fisterra.
Os peregrinos que elixiron o albergue do Pino para facer noite representan case o 8% dos camiñantes totais do Camiño Portugués. A pousada valguesa, que forma parte da rede pública de albergues de Galicia xestionada pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, conta con tres dormitorios que suman en total 78 prazas e dispón, ademais, cociña, comedor, duchas con auga quente, almacén de bicicletas, botiquín, calefacción central, sala de reunións, lavandeiría con lavadora, secadora e tendedeiro, así como un xardín con terraza. O prezo da pernocta é de seis euros por persoa e o horario de admisión é de 13 a 22 horas.
Dende que abriu as súas portas, en abril de 2011, o número de peregrinos aloxados foi en aumento. Nos últimos seis anos as estancias no albergue incrementáronse en máis dun 262%. No exercicio 2012, o primeiro ano completo do que hai rexistros, os peregrinos que fixeron noite no Pino sumaron 1.744. En 2013 ascenderon a 2.329, en 2014 foron 2.552, en 2015 contabilizáronse 3.164, e en 2016 os xa sinalados 3.512.
A meirande parte dos peregrinos que acuden al albergue de Valga son de nacionalidade portuguesa, seguidos de alemáns e italianos.