- O mestre cambadés presentou unha investigación sobre os usos da auga nas comunidades asentadas nas ribeiras do Ulla
- A primeira modalidade do certame, na que se proclamou vendedor, está dotada con 4.000 euros de premio
Valga, 7 de xaneiro de 2021.
O xurado do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo deu a coñecer a pasada semana aos gañadores da XXI edición. Ramón Falcón Galiñanes (Cambados, 1978) foi o vencedor na primeira modalidade co seu traballo “As ribeiras do Ulla no século XVIII. Os usos da auga”, unha investigación que destaca a condición deste río como elemento vertebrador do territorio e analiza as diferentes maneiras nas que condicionou, historicamente, ás comunidades asentadas nas súas ribeiras ao longo dos seus máis de 130 quilómetros de lonxitude.
Ramón Falcón, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), xa abordara o tema da auga na súa tese de doutoramento, que defendeu a finais de 2018 baixo o título “A importancia e os usos da auga no noroeste da Galiza no fin do Antigo Réxime: as concas fluviais”. Parte do material recompilado para esta tese empregouno, nos últimos meses, para dar forma á investigación gañadora do XXI Premio Ferro Couselo. “Este traballo foi feito ‘ex profeso’ para presentar ao certame. Tiña moitísimo material aproveitable, que despois ampliei dándolle un enfoque diferente e centrándome na conca do Ulla. En anos anteriores xa quedara con ganas de presentarme a este Premio, pero a falta de tempo non mo permitira. Este ano, con todo o que pasou, tiven tempo para preparalo e, cando se ampliou o prazo de entrega debido á pandemia, aínda puiden revisalo para melloralo. Dediqueille moitas horas”, explica o autor.
O traballo presenta a todo o curso do río Ulla coma “unha unidade territorial” para estudar os distintos usos que daban ás súas augas as comunidades asentadas nas súas ribeiras. “O medio físico e as características sociais de cada lugar fan que os usos sexan distintos nun ou noutro punto. Os principais son a auga de rego para usos agrícolas, o uso da auga como enerxía hidráulica en muíños e batáns e tamén como fonte de alimento, a través da pesca”. No caso concreto de Valga, Ramón Falcón apunta que “os muíños desta zona eran dos máis destacados de todo o curso do río en canto a recadación fiscal. E en Louro atopábanse tamén algúns dos máis característicos, con sistema de captación mixto de canle e de cubo”.
En épocas coma a estudada nesta investigación “a vida enteira e gran parte da actividade dependía do río”, conclúe o gañador do certame. O Ulla, ademais, “permite ver perfectamente a transición dende una zona de interior (A Ulloa) ata as Rías Baixas e como o río condiciona as actividades económicas e sociais. Vaise vendo unha gradación enorme en función da densidade demográfica e outros aspectos”. Por outra parte, este traballo tamén afonda na condición do Ulla como vía de comunicación e incluso como barreira xeográfica. Un exemplo disto último é a “incomunicación entre as dúas ribeiras que se producía en épocas de grandes riadas”.
Para completar a súa obra, Ramón Falcón inclúe un capítulo final dedicado a analizar os conflitos derivados do uso da auga. “Esta parte é a que dá sentido a todo o conxunto, xa que os diferentes usos relaciónanse entre si e vese o delicado do equilibro e a importancia de facer un uso racional da auga”, explica o autor cambadés. Naquela época, o século XVIII, “todo estaba rexido pola costume pero sempre había quen se intentaba aproveitar. Os principais conflitos estaban relacionados coa creación de novas instalacións, canles de pesca, presas de deriva para muíños ou para a rega”.