- A figura da Bella Otero é destacada nun dos capítulos do proxecto, que será divulgado pola Xunta no marco do Xacobeo 2021
- Parte da rodaxe tamén se realizou no Parque Irmáns Dios Mosquera, xunto á estatua da estrela da Belle Époque
Valga, 6 de xaneiro de 2021.
Un equipo da produtora compostelana Tarabela Creativa estivo esta semana no Museo da Historia para a gravación dunha peza sobre a Bella Otero que formará parte dunha serie sobre a historia da música galega dende a antigüidade e ata o século XX.
“Quéreme soar” é un proxecto que consta de sete capítulos e que fai fincapé nas figuras femininas que destacaron no ámbito da música, xa fora a nivel rexional, nacional ou internacional. É no episodio dedicado ao século XX no que a Bella Otero e a súa historia cobran protagonismo. “Sen dúbida foi unha das galegas máis internacional”, destaca Carmen Conde, encargada da documentación, o guión e a narración. O equipo que se desprazou a Valga estivo tamén composto por Ezequiel Orol, encargado da parte técnica, e Diego Gallego, da produción.
Na serie presentarase á Bella Otero como a gran estrela do Folies Bergère parisino durante a Belle Époque. O seu xeito intuitivo de moverse fíxoa destacar no baile, pero tamén cantaba e era unha excelente cómica. Tamén se abordará a súa dura infancia “porque queremos chegar á xente nova e para iso é importante visibilizar tanto as luces como as sombras. Ademais, a partir da súa violación Carolina Otero construíu o seu mito e converteuse en lenda”.
A rodaxe combinou os espazos interiores do Museo con outros exteriores, en concreto o Parque Irmáns Dios Mosquera, onde se erixe unha estatua en homenaxe á Bella Otero.
Esta serie ten coma destinataria á Xunta de Galicia, no marco do fondo de proxectos culturais do Xacobeo 2021. A administración autonómica será a encargada da súa difusión.