Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Setenta e catro establecementos están adheridos á campaña, que trata de fomentar as compras nos negocios de proximidade

- Os clientes destas tendas poderán gañar premios de 500 euros nos sorteos que se celebrarán ata maio

MercaValgaIIWeb

Valga, 5 de xaneiro de 2021.

Co comezo do novo ano o Concello de Valga pon en marcha unha nova edición da campaña Merca-Valga que terá unha duración inicial de cinco meses co obxectivo de continuar impulsando e promocionando o comercio local durante este período.

O funcionamento da campaña será o mesmo que ata o de agora, con repartos mensuais de papeletas numeradas nos establecementos e tendas adheridas entre os seus clientes. Establécense cinco premios de 500 euros en vales de compra. Os gañadores de cada mes serán os portadores dos boletos que coincidan coas últimas catro cifras dos sorteos da Lotaría Nacional que se celebrarán os días 30 de xaneiro, 27 de febreiro, 27 de marzo, 29 de abril e 29 de maio. Para cada sorteo só serán válidos os boletos entregados durante ese mes e ao seguinte iniciarase un novo reparto.

Os vales de compra poderán gastarse nos comercios participantes en Merca-Valga, sendo a data límite para canxealos o 30 de xuño.

Son en total 74 os establecementos de Valga que están adheridos á campaña, de sectores moi diversos coma a alimentación, a hostalería, a automoción, o téxtil, o deportivo ou xardinería e produtos agrícolas, entre outros. Tamén hai farmacias, estancos, salóns de peiteado e estética, logopedias, estudos de fotografía, ferraxerías, carpinterías, taxis, hoteis ou consultorías.

Esta iniciativa púxose en marcha en xullo de 2020, tralo confinamento domiciliario motivado pola pandemia, co obxectivo de apoiar aos comerciantes e empresarios locais e tratar de minimizar os efectos da crise económica a consecuencia da Covid-19. Merca-Valga trata de divulgar  as vantaxes que ofrece o comercio de proximidade que, ademais de ofrecer todo tipo de produtos e servizos, permite que a poboación limite a súa mobilidade e non faga desprazamentos que poidan supoñer un risco para a súa saúde ou que conleven o incumprimento da normativa sanitaria vixente.

A primeira edición da campaña estendeuse ata o mes de novembro de 2020 e en decembro o Concello puxo en marcha unha segunda edición especial para o Nadal que aínda ten pendente de celebrarse o seu segundo sorteo. Será mañá, coincidindo coa Lotaría do Neno.

CartelMercaValgaII

Volver