- Os técnicos municipais Santiago Chenlo e Vanessa Losada participaron na xuntanza telemática, na que se fixo balance das actividades de 2020 e se presentaron as de 2021
- O secretario xeral de Política Lingüística louvou o labor en prol do uso do galego realizado nos últimos anos por José Ramón Rial “Mon”
Valga, 5 de xaneiro de 2021.
O Concello de Valga foi un dos participantes, o pasado 28 de decembro, na reunión anual do Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística, un encontro que se celebrou a través de videoconferencia e no que se fixo balance das actividades realizadas en 2020 e se presentaron as liñas de traballo para este ano 2021.
A xuntanza telemática estivo presidida polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e contou coa participación da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, así coma representantes doutros vinte e un membros do Consello, entre concellos, deputacións, mancomunidades e asociacións. O Concello de Valga estivo representado polos técnicos Santiago Chenlo e Vanessa Losada, licenciados en Historia da Arte e responsables do Museo.
Hai que lembrar que en 1993 Valga converteuse nun dos primeiros concellos de Galicia en crear un Servizo de Normalización Lingüística para impulsar e coordinar a utilización do galego na administración municipal e normalizar o uso do galego nos diferentes ámbitos da vida pública. Este servizo forma parte dende a súa constitución da Rede de Normalización Lingüística e estivo encabezado polo funcionario municipal José Ramón Rial Becerra “Mon” ata o seu falecemento o verán pasado. Para el tivo unhas palabras de louvanza o secretario xeral de Política Lingüística, que fixo constar en acta o recoñecemento ao labor realizado por Mon en prol da linga galega durante os últimos 27 anos.
Na xuntanza fíxose balance das accións desenvoltas pola Rede de Dinamización durante o ano recén rematado. Foron un total de 424 as actividades realizadas entre espectáculos de artes escénicas e outras iniciativas culturais co obxectivo de promocionar o uso do galego na infancia e na familia, potenciar a transmisión interxeracional do galego, a dinamización lingüística entre a mocidade ou impulsar o uso do idioma desde o lecer.
Tamén aprobaron as liñas de actuación para o 2021, que inciden en actividades destinadas a incrementar o uso que a mocidade fai do galego ou na visibilidade do idioma e da cultura galega no Camiño de Santiago, no marco da celebración do Xacobeo.