Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- “As ribeiras do Ulla no século XVIII. Os usos da auga” é o traballo premiado na primeira modalidade, dotada con 4.000 euros

- O xurado tivo unha emocionada lembranza para o funcionario municipal José Ramón Rial “Mon”, falecido este verán

XuradoXFC2020 1

Valga, 30 de decembro de 2020.

O xurado do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo designou como gañadores desta XXI edición a ao cambadés Ramón Falcón Galiñanes e á valguesa Lucía Santiago Sanmiguel, que presentaron senllos traballos relacionados con dous elementos de gran importancia social, cultural e económica en Valga e na súa contorna: o río Ulla e a augardente.

O gañador na primeira modalidade foi Ramón Falcón, veciño de Cambados, doutorado en Historia pola Universidade de Santiago e mestre de Secundaria no colexio Santa Lucía de Moraña. A investigación que presentou foi “As ribeiras do Ulla no século XVIII. Os usos da auga”, no que se analizan os distintos aproveitamentos da auga e o seu papel fundamental na mellora das condicións de vida no rural a través do desenvolvemento da agricultura, a industria ou o comercio. O premio está dotado con 4.000 euros.

A esta modalidade, á que concorreron un total de oito traballos, podían presentarse traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As obras debían estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.

Na segunda modalidade, dirixida a proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, a proposta elixida polo xurado foi “A voltas co alambique”, de Lucía Santiago, veciña de Senín (Xanza). O premio, neste caso, consiste nunha bolsa dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto, que ten por obxectivo o desenvolvemento dunha investigación etnográfica sobre as prácticas sociais e culturais en torno á elaboración da caña.

O xurado estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela, Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Municipal de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Tamén participaron na xuntanza, que tivo lugar onte a través de videoconferencia, os técnicos municipais Santiago Chenlo e Vanessa Losada. Esta última actuou como secretaria do tribunal, con voz pero sen voto.

O xurado, que decidiu aos gañadores por unanimidade, destacou no transcurso das deliberacións a gran calidade das investigacións presentadas nesta edición, marcada pola pandemia, que obrigou a modificar o calendario habitual do premio, ampliándose o prazo de presentación de traballos ata o pasado 31 de outubro.

Os membros do tribunal tiveron, ademais, un emocionado recordo para José Ramón Rial Becerra “Mon”, funcionario do Concello falecido este verán, e puxeron en valor o seu labor fundamental dende que, en 1996, se estableceu o Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.

XuradoXFC2020 2 XuradoXFC2020 3

Volver