- O investimento foi xestionado polo goberno municipal ante a administración autonómica
- O instituto carece de espazos exteriores cubertos, feito que se resolveu provisionalmente coa colocación dunha carpa pagada polo Concello
Valga, 29 de decembro de 2020.
Aproveitando o período de vacacións de Nadal nos centros educativos, estanse a realizar no IES de Valga as obras de instalación dunha cuberta nas pistas deportivas exteriores.
Os traballos, que son executados pola empresa Gama e Hijos e estarán rematados a finais desta semana, permitirán dotar de cubrición a zona de bancadas deste patio, situado nun dos laterais do recinto do instituto.
Trátase da primeira fase dun proxecto máis amplo consistirá en cubrir por completo as pistas, para o que o alumnado dispoña dun espazo exterior no que pasar os recreos e agardar antes de entrar ás clases nos días de chuvia.
As obras son financiadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O director do IES de Valga, Eliseu Mera, trasladou o seu agradecemento “ao Concello e, nomeadamente, ao alcalde pola súa colaboración nas conversas coa Consellería” para conseguir que esta actuación se executase. “Actualmente non temos ningún espazo exterior cuberto”, explica o director, “feito que resolvemos provisionalmente coa instalación dunha carpa ata final de curso, cuxos gastos asume o Concello”.